publicidade hoxe

A Xunta adxudica en 419.000 euros a obra da senda peonil e ciclista na LU-612 en Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugoPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou en 418.787 euros a obra de construción dunha senda peonil e ciclista na marxe dereita da estrada autonómica LU-612 no municipio de Lugo, entre o inicio da estrada de Portomarín e a localidade de Toiriz, no acceso á igrexa de Piugos (puntos quilométricos 0,000 ao 1,940).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos comezarán previsiblemente a principios de setembro -unha vez que rematen os trámites de formalización do contrato- e teñen un prazo de execución dun ano.

A senda terá en concreto 1.870 metros de lonxitude, executarase en formigón coloreado e tamén se instalará unha canalización para a recollida das augas de drenaxe. Esta obra está incluída no plan de sendas da Comarca de Lugo e será cofinanciada con Fondos FEDER.

A nova senda está especialmente deseñada para garantir a seguridade de peóns e ciclistas e incorpora distintos elementos de seguridade e outras medidas complementarias (proteccións peonís, separación da circulación de vehículos,…)

Escolleuse a marxe dereita para garantir un percorrido continuo, incluído o paso pola glorieta presente neste treito, sen ter que realizar ningún cruce coa calzada. Incorpora tamén dúas marquesiñas de refuxio nas paradas de bus existentes, emprazadas ao inicio do percorrido e xunto á fonte de Toiriz, co novo deseño previsto pola Xunta para os contornos urbanos.

O proxecto inclúe tamén a execución doutras medidas complementarias como novas arquetas, accesos seguros ás vivendas (vados), e a mellora e reforzo da sinalización horizontal e vertical e doutros elementos de balizamento.

Cómpre lembrar que esta actuación, licitada polo Executivo autonómico, busca multiplicar contornos aptos para a práctica de distintas actividades deportivas ao aire libre (camiñar, correr, andar en bicicleta …).

Trátase ademais dunha aposta da Xunta por unha mobilidade máis saudable e sustentable que atende a criterios de integración paisaxística, sustentabilidade pero, ante todo, polo reforzo da seguridade viaria.

16 de xullo de 2019 | 14:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.