publicidade hoxe

O retorno á comunidade medra por quinto ano consecutivo e deixa máis de 40.000 galegos que regresaron do estranxeiro na última década

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

O regreso á comunidade vén de sumar o seu quinto ano consecutivo de crecemento coa chegada de 6.705 galegos, cifra que, sumada ás da última década deixa en Galicia un total de 41.944 retornados, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE). Deles, ademais, case o 80% son menores de 65 anos, e 1.005 menores de 15 anos, o que supón un impulso ás medidas que o Goberno galego ten en marcha para superar o complexo reto demográfico que afronta, e que atopa nos movementos migratorios un apoio notable.

O incremento do retorno experimentado en 2018, que supera nun 8% o do ano pasado, consolida a tendencia positiva que deixou un 21% máis de retornados en 2017 respecto ao exercicio anterior e un 20 adicional en 2016, o que arroxa un aumento acumulado de case o 50% só nos últimos tres anos. Así, na última década o regreso de galegos á comunidade traduciuse en 41.944 persoas e nunha suba do 107,46% respecto as cifras de 2009.

Ao igual ca o ano pasado, Venezuela segue a ser o país do que procede un maior número dos galegos que volven a Galicia, con 2.517, seguido de Suíza con 723 persoas, O Brasil con 393, Estados Unidos de América con 345, e O Reino Unido con 333 retornados.

Un saldo tamén positivo

Estes datos compleméntase cos publicados polo INE o pasado martes sobre o saldo migratorio de Galicia tanto co estranxeiro como co resto de España, que tamén deixa un balance positivo en 13.136 persoas. No caso das persoas procedentes doutros países, a comunidade autónoma recibiu 12.884 habitantes máis dos que saíron, o que supón un incremento que case dobra (un 98,82% máis) a cifra de 2017, cando entraron en territorio galego 6.882 persoas máis das que saíron. Deles, 2.885 teñen nacionalidade española, o que se traduce nun aumento do 47% en relación aos 12 meses anteriores, cando o saldo positivo deixaba 1.954 españois novos en Galicia (unha vez restados os que saíron).

Tamén o balance da poboación que chegou a Galicia desde outras partes de España respecto á que saíu experimentou un crecemento máis ca notable, cun 220,57% de incremento, deixando unhas cifras positivas en 252 habitantes. Foron os españois residentes noutras comunidades autónomas os que máis aportaron a este crecemento, cun incremento do 264,81% respecto a 2017 e un saldo en termos absolutos de 178 persoas máis.

27 de xuño de 2019 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.