publicidade hoxe

O Gaiás reúne nun mesmo concerto ás bandas de música municipais da Coruña e de Santiago para abrir o ‘Serán’02’

Máis de medio milleiro de intérpretes de bandas de música de toda Galicia daranse cita do 28 ao 30 de xuño no Gaiás para participar no Serán’02: II Encontro Galego de Cultura Popular. O evento, promovido pola Xunta para impulsar e pór de relevo a cultura galega de base, volve á Cidade da Cultura de Galicia tras o éxito da súa primeira entrega, que dedicada ao baile e á música tradicional congregou máis de 7.000 asistentes.

Ao longo dos tres días, o Serán’02 despregará un intenso programa enteiramente de balde con concertos de bandas de música das catro provincias galegas, así como diversas formacións infantís e xuvenís. Entre as bandas que protagonizarán este evento multitudinario atópanse as dúas únicas bandas municipais profesionais de música de Galicia –A Coruña e Santiago de Compostela–, que ofrecerán un concerto dobre na xornada de apertura do evento, mañá venres ás 21 h. O encontro conta co apoio da Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) e Gadis.

Baile das Irmandades da Fala

Outro dos pratos fortes do Serán’02 será o Baile Irmandades da Fala, que transformará a praza central do Gaiás nunha verbena ao estilo de comezos do século XX convidando aos asistentes a achegarse caracterizados da época para danzar ao son das bandas de música de Lalín, Santa Cruz de Ribadulla, Unión Musical de Valladares e A Lira de Ribadavia, e das charangas tradicionais de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos. Ao longo da noite repartiranse premios ao mellor vestiario e á parella de baile que demostre unha maior destreza e habilidade nesta noite festeira.

A danza estará moi presente en toda a xornada do sábado do Serán’02, xa que ao longo de todo o día estaranse a impartir obradoiros de baile agarrado, de balde e destinados a todo tipo de público. Nestes cursos intensivos, os asistentes van poder aprender a técnica básica da polca, o valse, a mazurca, o pasodobre ou o chotis con grandes profesionais da danza como Suso Cancelas ou Xisco Feijoo. O Baile Irmandades da Fala será a oportunidade perfecta para, apenas unhas horas despois, pór en práctica todo o aprendido.

Principais concertos

No Serán’02 tamén poderemos gozar dun concerto da Unidade de Música do Tercio Norte de Infantería de Marina de Ferrol na mañá do sábado. Xa na xornada do domingo o prato forte do día serán o concerto da Banda de Música Sons e Soños (Outeiro-Rábade-Begonte) ou un dos espectáculos elixidos no concurso Innova-Agadic de proxectos que exploran novos escenarios musicais e culturais. Trátase de Saliceta, un espectáculo no que Banda de Música de Salceda de Caselas interpretará unha suite tradicional galega incorporando música coral e tradicional que servirá como peche destes tres días de música no Gaiás.

Programa para todo tipo de público

Cabe lembrar que no Serán’02 participarán algunhas das mellores bandas de Galicia, como son precisamente as dúas únicas bandas municipais profesionais da comunidade -–A Coruña e Santiago de Compostela– ou como acreditan os recoñecementos recibidos en certames nacionais e internacionais. É o caso da Banda de Lalín, premiada en 2013 e 2009 no WMC de Kerkrade (Holanda) –certame considerado un auténtico mundial das bandas de música e que reúne cada catro anos unha selección de 200 bandas de todo o mundo–; ou de A Lira de Ribadavia, premiada en 2018 no Certame Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia.

Este II Encontro Galego de Cultura Popular nace con vocación de dirixirse a todo tipo de público, sexa ou non parte do sector. Así, o encontro ofrece tanto contidos de tipo profesional como clases maxistrais con músicos de recoñecido prestixio, conferencias ou mesas redondas, como un plan familiar de fin de semana. Ademais de gozar dos concertos e espectáculos programados, o público asistente poderá visitar o recinto feiral do encontro ou participar en obradoiros de fabricación de instrumentos con materiais de refugallo dirixidos á cativada. O evento desenvolverase en distintos espazos do complexo como o auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro ou o Museo Centro Gaiás. En www.cidadedacultura.gal pode consultarse polo miúdo o programa, enteiramente de acceso libre e de balde.

27 de xuño de 2019 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.