publicidade hoxe

O Centro Superior de Hostelería de Galicia celebra o seu 25 aniversario

Celebración do 25 aniversario do CSHG

Celebración do 25 aniversario do CSHG

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que a formación de calidade, a internacionalización e a confianza das empresas fan do Centro Superior de Hostelería de Galicia un actor clave para abordar os retos futuros do noso turismo.

Durante o acto de celebración do 25 aniversario do CSHG, Feijóo aseverou que o sector turístico galego non se entende sen o talento que agroma nas aulas deste centro, e que se conecta coas empresas facéndose imprescindible no desenvolvemento turístico e hostaleiro da comunidade: ofrecendo unha formación de calidade, a través da formación dual, que combina os coñecementos teóricos cos prácticos, e conseguindo unha excelente taxa de inserción laboral. Non en van, en 25 anos formáronse nesta casa máis de 2.500 profesionais e o 85% dos alumnos do título de Xestión Hostaleira atopa traballo antes do primeiro ano, unha cifra que se eleva ao 100% nos alumnos de Gastronomía.

Tras 25 anos e moitos obxectivos conseguidos, o titular da Xunta incidiu na importancia de seguir mirando cara ao futuro e afrontar os retos que veñen. Para acadalos, avogou por seguir tecendo alianzas con axentes estratéxicos; por profundar en nichos en crecemento como o turismo vinculado a produtos de alto valor engadido como o enoturismo; por potenciar o papel do centro na formación permanente e na profesionalización; e por modernizar as instalacións, coa próxima licitación das obras de conservación.

Así mesmo, destacou a importancia de acompañar e liderar proxectos de innovación conxuntamente co Clúster de Turismo, para aportar valor engadido a Galicia a nivel internacional; de consolidar os valores e a cultura que son “marca da casa e que se demostraron exitosos”; e de traballar a medio prazo para a mellora progresiva dos equipamentos do centro, así como na formación en idiomas.

“Estamos a falar de toda unha liña de traballo que abordaremos xuntos nestes anos e que permitirá continuar a historia de éxito que hoxe celebramos”, dixo, aseverando que ese modelo turístico que naceu e medrou grazas ao Xacobeo 93 e ao Centro Superior de Hostelería de Galicia ten que seguir dando pasos adiante, “porque sen ese Xacobeo e sen este centro non se entendería o que temos un cuarto de século despois: un sector con prestixio, que incide na nosa imaxe como pobo e cun gran valor económico”.

Feijóo aproveitou o acto para destacar tamén os datos de turismo dos catro primeiros meses do ano, que medraron por riba da media nacional: un 5% fronte á evolución media do 1% no resto de España. O que se traduce en máis dun millón de viaxeiros neste tempo e en dous millóns de pernoitas nos establecementos de aloxamento regrado. Todo isto, tras unha Semana Santa na que aumentaron os ingresos e a ocupación e, tamén, cun Camiño de Santiago que non deixa de traer boas novas.

O responsable do Executivo autonómico concluíu recordando que Galicia e os galegos temos ás portas un novo Xacobeo que queremos afrontar con previsión, con moito traballo e coa colaboración de todos. “Galicia é un patrimonio, unha cultura, unha paisaxe e unha gastronomía que nos fan un destino distinto e singular. E o Xacobeo 2021 será un escaparate sen igual”, sinalou.

5 de xuño de 2019 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.