publicidade hoxe

O CCVV aproba o proxecto para a rehabilitación de Elduayen 31 cun investimento de 900.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaVigo
A-
A+

O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo reunido esta mañá en sesión extraordinaria e presidido por Ignacio López-Chaves, delegado da Xunta, acordou dar o visto e prace á modificación do proxecto de rehabilitación do edificio da rúa Elduayen 31.

Esta última actuación, que afecta á edificación con saída á rúa Ferrería, suporá a construción de 6 novas vivendas, de dous e tres dormitorios, e dun local comercial. Un proxecto que inicia en paralelo o proceso de adxudicación e que suporá para o organismo público un investimento de preto de 900.000 euros.

Os condicionantes urbanísticos do solar, de 182,74 metros cadrados, recollidos no Plan Especial de Reforma Interior (PERI) do Casco Vello, implicaron a necesidade de manter o patio interior e, en consecuencia, a reformulación do proxecto inicial. Deste modo, aínda que funcionarán coma unha comunidade única, unida pola planta baixa, manteranse na práctica dous edificios; un con fachada cara a rúa Elduayen de cinco plantas e o outro a Ferrería de tres.

Ambas as dúas construcións compartirán instalacións e servizos comúns, así como a planta baixa, cun total de 829 metros cadrados construídos. No caso da edificación da rúa Elduayen, o proxecto contempla catro vivendas compostas por dous dormitorios, baño, salón-comedor-cociña e lavadoiro. En canto á de Ferrería, serán dous dúplex con entrada independente de tres dormitorios e dous baños, salón-comedor-cociña e lavadoiro.

Coa aprobación deste último proxecto serán catro as promocións que o CCVV, organismo participado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo, ten en distintas fases de execución na actualidade. Trátase das edificacións de Cruz Verde 12, Abeleira Menéndez 16, Berbés 41 e Elduayen 31.

Asemade, nestes intres atópase en fase de adxudicación unha vivenda en San Sebastián 24, para a que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) abriu recentemente o proceso de presentación de solicitudes.

No conxunto do barrio, o Consorcio Casco Vello de Vigo leva adquiridos 78 inmobles, dos que 60 xa foron rehabilitados e catro están en execución. Rehabilitáronse 106 vivendas, das que 92 foron vendidas e 10 están ocupadas en réxime de alugueiro. Tamén se rehabilitaron 32 locais comerciais, dos que se venderon 6 e 12 están ocupados en réxime de alugueiro, estando os 14 restantes en fase de concurso.

13 de xuño de 2019 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.