publicidade hoxe

Miranda reúnese co novo embaixador do Uruguai por primeira vez desde a súa chegada ao país andino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+
Miranda na reunión co novo embaixador

Miranda na reunión co novo embaixador

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuniuse esta mañá co novo embaixador de España en Montevideo, José Javier Gómez-Llera y García-Nava, por primeira vez desde que tomou posesión do seu cargo, nas últimas semanas. O responsable do departamento autonómico e o representante do Estado español analizaron no segundo día da súa viaxe ao Uruguai, as diferentes propostas que ambas Administracións teñen en funcionamento para garantir a atención social os españois, e nomeadamente os galegos, que residen no país andino. Miranda expúxolle, neste senso, os convenios que vén de renovar con tres das principais entidades de carácter social que prestan servizo os galegos do Uruguai, entre os que destacan o Hogar Español de Montevideo, a Asociación Española Primera de Socorros Mutuos e a Casa de Galicia.

Trala xuntanza co embaixador, Miranda mantivo un encontro co consejero de Trabajo, Migraciones y Seguridad Social, Vicente Pecino Medina, con quen repasou a actualidade nesta área da poboación española, e máis especialmente a galega, residente no Uruguai. Horas antes, o secretario xeral da Emigración aproveitaba a última parte da axenda do seu primeiro día de estadía na capital uruguaia para achegarse á colectividade galega a través de varias actividades.

Encontros coa colectividade uruguaia

Os primeiros en recibir o titular galego da Emigración foron os beneficiarios do Uruguai de Conecta con Galicia, o programa da Secretaría Xeral que busca fomentar os lazos dos galegos de América máis novos, tanto emigrantes como os seus descendentes, coa Galicia territorial grazas a unha experiencia de dez días na súa terra de orixe que lles permitirá facer o Camiño de Santiago e gozar de actividades náuticas no albergue xuvenil de Gandarío, pertencente á Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Política Social.

A continuación, Miranda mantivo unha xuntanza cos directivos das distintas entidades galegas no país andino, aos que informou das novidades dos principais programas que o Goberno galego mantén activos dirixidos aos galegos do exterior. O último acto do día tivo como escenario a sede do Centro Gallego de Montevideo, con cuxa directiva e socios o responsable do departamento autonómico celebrou un encontro.

Axenda na Arxentina

Esta mesma tarde o programa oficial do secretario xeral da Emigración levarao a cruzar o Río da Plata para continuar a súa viaxe na Arxentina, onde tamén manterá reunións coa colectividade galega do país do mundo con maior presenza galega, así como coas autoridades españolas e arxentinas alí radicadas.

25 de xuño de 2019 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.