publicidade hoxe

Miranda asina convenios coas principais entidades sociais de orixe galega do Uruguai, que garanten atención para galegos sen recursos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, comezou esta mañá a axenda do que é a súa segunda viaxe do ano ao Uruguai coa sinatura de varios convenios coas principais entidades galegas dedicadas ao coidado da saúde e a atención social. As tres primeiras citas do día tiveron como protagonistas o Hogar Español de Montevideo, a Asociación Española Primera de Socorros Mutuos e a Casa de Galicia, que prestan servizo a gran parte da colectividade galega que reside no país andino, e que garanten atención os galegos que carecen de recursos.

“Galicia é consciente, sempre o foi, de que os seus non se atopan na terra. Os galegos forman parte do mundo porque están espallados polos cinco continentes. Pero o Goberno galego tamén sabe que unha parte importante deles, máis de 41.000, viven precisamente neste país, O Uruguai. Por iso quere facer este esforzo especial, que busca mellorar e, se cabe, asegurar o benestar dos galegos desta terra”, sinalou Miranda.

O Hogar Español de Montevideo é unha asociación civil sen ánimo de lucro que ten como fin primordial o aloxamento e coidado de españois de máis de 65 anos imposibilitados para o traballo, carentes de medios de subsistencia e ou de parentes obrigados que poidan mantelos, coa finalidade de facilitarlles un avellentamento digno. Esta entidade na actualidade ten preto de trescentos socios dos que máis do 80% son de orixe galega. Nas súas instalacións, con capacidade para 216 persoas, está a acoller 174 residentes, dos que 95 son galegos, e ademais do aloxamento, coidado e manutención, ofrécelles servizos médicos, de enfermería, de fisioterapias, de animación socio cultural, de memoria e estimulación cognitiva, entre outros, o que representa o desenvolvemento dunha atención asistencial integral que redunda na mellora da calidade de vida dos anciáns desfavorecidos pertencentes á colectividade galega emigrante. De aí a importancia do apoio que a Xunta de Galicia, a través da Secretaria Xeral da Emigración, presta a este centro, que ascende a 20.000 euros anuais.

Atención gratuíta para galegos sen recursos

O terceiro acto do día centrouse na sinatura do convenio coa Casa de Galicia de Montevideo, unha entidade sen ánimo de lucro fundada en 1917 como sociedade de instrución, recreo, beneficencia, sanidade e protección ao traballo, que xestiona un gran sanatorio policlínico central e outros oito policlínicos zonais que dispoñen de laboratorios de análises clínicas, salas de hemodinamia, sala de operacións e área de información pediátrica, entre outras. A entidade ten o compromiso de dar cobertura a todos os seus asociados presentes e futuros, na súa maioría persoas de orixe galega e descendentes destas. Este hospital presta, ademais, de xeito excepcional cobertura sanitaria gratuíta os galegos sempre que se atopen en situación de carencia e non podan afrontar o pago das correspondentes cotas sociais, gastos de asistencia sanitaria e adquisición de medicamentos a prezo de mercado. A presenza da Casa de Galicia e a súa pegada na colectividade galega do país vense reflectidos nos 35.000 euros cos que está dotado o acordo de colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración.

A Asociación Española Primera de Socorros Mutuos, pola súa banda, é unha institución mutualista fundada en 1853 co obxectivo de crear un fondo común destinado a socorrer aos asociados nos casos de enfermidade, outorgándolles asistencia médica completa. Na actualidade o número total de socios supera os 174.000, dos que 30.000 son galegos. Conta cun hospital de 26.500 m2, con 452 camas, así como catro sedes secundarias, cinco policlínicas e catro unidades de internación extramuros nos que se presta asistencia sanitaria a unha importantísima porcentaxe da poboación uruguaia e, en especial, á colonia galega residente nese país. A esta fin o departamento autonómico dirixido por Antonio Rodríguez Miranda destina outros 20.000 euros.

Programa institucional

A axenda oficial continuará esta noite con varios encontros coa colectividade galega no Uruguai, e mañá con reunións con representantes do Goberno de España no país e cun completo programa social e institucional na veciña Arxentina.

O Uruguai é o cuarto país do mundo con maior volume de galegos residentes no exterior, cun total de 41.385 galegos vivindo en territorio uruguaio, segundo os datos do INE a data 1 de xaneiro de 2019, os últimos oficiais, o que o converte nun dos principais destinatarios dos programas da Secretaría Xeral da Emigración.

24 de xuño de 2019 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.