publicidade hoxe

Feijóo salienta que Galicia contará cunha Lei de patrimonio natural para protexer a súa riqueza natural e a biodiversidade e que contribuirá a facer unha Galicia máis verde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaSanxenxo
A-
A+
O presidente galego na entrega de bandeiras azuis

O presidente galego na entrega de bandeiras azuis

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Galicia contará cunha Lei de Patrimonio natural, que se debaterá mañá no Parlamento, para protexer a súa riqueza natural e a biodiversidade e que contribuirá a facer unha Galicia máis verde.

Durante o acto de entrega das Bandeiras Azuis 2019, Feijóo aseverou que a Xunta seguirá traballando para garantir o máximo respecto polo medio sen facelo incompatible cunha explotación racional. Así, lembrou que nos últimos tempos dotouse á Comunidade de instrumentos normativos para preservar a paisaxe e fomentar un desenvolvemento sustentable e racional como: o Plan de ordenación do litoral, as directrices de ordenación do territorio, a Lei do Solo, ou o Catálogo das paisaxes de Galicia.

Así mesmo, aseverou que construír un futuro verde pasa tamén por que Galicia sexa azul, impulsando a calidade de augas –e en 2018, o 96% das zonas de baño obtiveron unha clasificación sanitaria excelente ou boa-, ou aprobando iniciativas como o novo Decreto de catalogación de tramos urbanos e naturais das praias, un texto que entrou en vigor o pasado mes e que permite unha clasificación que facilitará o uso sustentable dos areais, ademais de establecer os criterios para instalar establecementos de comidas e bebidas á pe de praia.

En relación á entrega das bandeiras azuis, o titular da Executivo autonómico resaltou os 156 galardóns que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor outorgou á Comunidade. En total, 156 bandeiras azuis que ondearán este ano: en 107 areais galegos; 12 distintivos que recoñecen a excelencia dos portos deportivos; e 22 sendeiros azuis.

Logo de salientar que nesta última categoría, Galicia é a autonomía que máis recoñecementos ten de España, Feijóo referiuse tamén aos 15 centros azuis premiados polo desenvolvemento de iniciativas a prol da educación ambiental.

“En definitiva, somos a 2ª comunidade de España con máis bandeiras azuis”, dixo, destacando tamén o papel fundamental que xogan os concellos neste eido. Non en van, recordou que este evento celebrouse no concello con máis bandeiras azuis nas súas praias de toda España: Sanxenxo, que conta con 18 distincións.

O responsable autonómico concluíu salientando que o ano pasado visitaron a Comunidade case 5 millóns de persoas, dos cales o 42% aseguraron que o fixeron pola natureza, cultura e paisaxe.

24 de xuño de 2019 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.