publicidade hoxe

A Xunta organiza no monte Xiabre un simulacro de incendio forestal de nivel 2 como preparación ante posibles emerxencias

A Xunta organizou esta mañá no monte Xiabre, un simulacro de incendio forestal co obxectivo de seguir mellorando a preparación e coordinación ante posibles emerxencias. A actividade tivo lugar nas parroquias de Saiar (Caldas de Reis) e Castrogudín (Vilagarcía de Arousa) e contou coa presenza do director Xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo.

O obxectivo fundamental deste exercicio, no que participaron numerosos efectivos, foi comprobar que todas as cadeas de traballo, humanas e materiais, operasen con total coordinación. O resultado foi positivo por parte de todos os axentes participantes. Trátase do primeiro simulacro que se fai na provincia de Pontevedra, este ano, despois doutros que xa se veñen facendo noutras provincias galegas, aplicando este mesmo modelo. Baséanse nunha lóxica territorial, onde os medios e as operacións danse cunha perspectiva de colaboración, compartindo os actores implicados, o seu coñecemento do terreo e os medios cos que traballan.

Detalles do simulacro

O simulacro comezou na mañá deste mércores 5 de xuño, e baseouse na simulación do lume que asolou o monte Xiabre, en agosto do ano 2016, no límite dos concellos de Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa. E no que poría en perigo o núcleo de Castrogudín e o polígono industrial de O Pousadoiro.

Inicialmente, activouse o PEIFOGA en situación 0, pasando posteriormente a situación 2, en torno ás 10,00 h., activándose o PLADIGA e procedéndose a mobilización dos diferentes Grupos Operativos.

No simulacro participaron axentes forestais, brigadas contraincendios, motobombas, pick-up, Servizo de Protección Civil da Subdelegación do Goberno, Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica (UPA), Policía Local de Vilagarcía e Caldas, GES de Padrón, servizo municipal de emerxencias de Vilagarcía de Arousa, AVPC de Portas, Valga, Cuntis, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa, AXEGA, 061, 112, 085 e medios da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

O Posto de Mando Avanzado (PMA) e o Centro de Recepción de Medios (CRM) establecéronse no Polígono industrial do Pousadoiro.

Durante o simulacro, realizáronse exercicios de activación do posto de mando avanzado, control de tráfico dos accesos, atrapamento dunha brigada de extinción de incendios e protección de vivendas e naves industriais. A intervención fíxose na zona forestal e nas vivendas próximas o lume nos núcleos de Castrogudín e no polígono industrial. Durante a mesma tiveron que participar medios sanitarios para evacuar a un ferido en tarefas de extinción.

As 13,30 horas a situación do simulacro deuse por perfectamente controlada, sen perigo para as persoas e os bens, dándose por desactivada a situación 2, coa conseguinte finalización do exercicio.

5 de xuño de 2019 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.