publicidade hoxe

A Xunta empraza ao concello de Poio a abordar con maior prudencia a análise dos accidentes e a implicarse de forma real na mellora da seguridade viaria na PO-308

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPoioPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade emprazou ao concello de Poio a abordar con maior prudencia e responsabilidade a análise dos accidentes de tráfico que se producen no seu termo municipal e a implicarse de forma real e efectiva na mellora da seguridade viaria da estrada PO-308.

A ese respecto, a Xunta lembra que, pese a tratarse dunha vía autonómica, debido ao marcado carácter urbano dalgúns dos seus treitos, abordou co Concello de Poio a adopción de posibles medidas para mellorar a seguridade da estrada.

Entre as propostas formuladas pola Xunta estivo a de eliminar as prazas de aparcamento situadas antes e despois dos pasos de peóns coa finalidade de incrementar a súa visibilidade para os condutores. Esta actuación foi rexeitada polo Concello de Poio.
Sen embargo, a Xunta decidiu proceder a eliminar proximamente esas prazas de aparcadoiro e adoptar medidas para que os vehículos estacionen nas inmediacións dos pasos de peóns e diminúan a visibilidade por parte dos condutores das persoas que se dispoñen a cruzar a vía.

Así mesmo, o Goberno galego salienta que o paso de peóns no que se produciu un atropelo o pasado luns está sinalizado cun semáforo de cuxa regulación se ocupa o Concello, e que se mantén en ámbar varias horas ao día.

Tendo en conta isto, o Goberno galego lamenta as manifestacións realizadas desde o Concello de Poio durante os últimos días ao respecto do lamentable accidente e considera necesario apostar por unha colaboración institucional máis seria e responsable na mellora da seguridade viaria na PO-308.

Precisamente, a mellora da seguridade viaria desa vía é unha das prioridades de actuación da Axencia Galega de Infraestruturas, que actualmente está a executar na PO-308 en Poio obras por importe de case 4 millóns de euros, priorizando os traballos nos treitos identificados como de concentración de accidentes.

O inicio deses traballos viuse retrasado pola falta de colaboración do Concello de Poio na consecución dos terreos necesarios para acometer as obras, o que fixo necesario tramitar un procedemento expropiatorio.

En total, a Xunta está a desenvolver actuacións por importe de 15 millóns de euros para facer da PO-308, ao seu paso polos municipios de Poio e Sanxenxo unha vía máis segura, especialmente para os usuarios vulnerables, e máis adaptada á vida urbana.

5 de xuño de 2019 | 15:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.