publicidade hoxe

A renovación do pavimento da autovía do Salnés fará necesarios cortes de tráfico puntuais en carrís e ramais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a acometer as obras de renovación extraordinaria do pavimento da autovía do Salnés, cun investimento de máis de 5,14 millóns de euros, para o que serán necesarios cortes de tráfico en carrís e ramais a partir de mañá.

As obras executaranse en dúas fases: a primeira comezou o pasado mércores e prolongarase ata a primeira semana de xullo, cando se interromperán para evitar as molestias aos condutores na época de máis tráfico do verán e se retomarán, xa nunha segunda fase, no mes de setembro.

No que se refire ao cronograma dos traballos, mañá serán precisos cortes no carril esquerdo, en sentido Sanxenxo; e no dereito, en sentido Pontevedra. O mércores, os cortes de carrís afectarán ao esquerdo, en dirección Pontevedra, aos dous alternativamente e ao dereito. No caso destes cortes, a circulación efectuarase polo outro carril.

O xoves e o venres tamén serán necesarios peches da circulación nos ramais 3 e 4, en sentido Pontevedra, e no 1 e 2, en dirección a Sanxenxo, nas saídas e incorporación en Mosteiro. Mentres os ramais permanezan cortados, a sinalización indicará axeitadamente que se debe continuar polo tronco e saír no seguinte enlace. No caso de entradas indicarase a incorporación no sentido contrario ao desexado e xirar no primeiro enlace.

Características técnicas

Esta renovación extraordinaria de pavimento supón estender unha nova capa de rodadura en toda a lonxitude da Autovía do Salnés nos seus ramais de acceso. Ademais, repararanse os danos no firme e se procederá ao fresado dos tableros dos pasos superiores e inferiores e reporanse as xuntas de dilatación.

Xunto con isto, está previsto acometer o repintado de todas as marcas viarias da Autovía, e colocar novos captafaros. Finalmente, se realizarán melloras puntuais de drenaxe de auga de chuvia.

As obras teñen un prazo de execución total de 8 meses, pero estímase que coa planificación aprobada poderán estar rematadas este mesmo ano 2019.

Coa fin de minimizar a afección ao tráfico no período estival, os traballos comezarán polos fresados e as reparacións puntuais.

24 de xuño de 2019 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.