publicidade hoxe

Xunta e Fundación Meniños garanten a continuidade do Programa de Integración Familiar, que incorpora un novo técnico na provincia de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoPortada dereita
A-
A+

A conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou coa directora da Fundación Meniños, Mónica Permuy, un convenio de colaboración de 630.000 euros que garante a continuidade do Programa de Integración Familiar. Entre as novidades deste novo convenio, destacan o incremento do orzamento nun 42%, o establecemento dun anticipo do 12% e a incorporación dun novo técnico na provincia de Lugo. O Programa de Integración Familiar atendeu o ano pasado a 335 menores no seo dunhas 200 familias.

Esta iniciativa diríxese a fogares con menores onde existen situacións de maltrato ou desprotección, nos que se actúa co obxecto de conseguir a reunificación, a preservación e a súa funcionalidade. A través da reunificación familiar búscase facilitar o retorno á casa dos menores que están a residir en centros de acollida. Na fase de preservación intervense no eido preventivo para evitar a separación da nena ou neno da súa contorna e, na liña da funcionalidade, trabállase para evitar o deterioro da convivencia no fogar como paso previo as etapas de reunificación ou preservación.

As ferramentas coas que conta o programa para afrontar estas situacións son fundamentalmente tres. A primeira delas é a intervención psicosocial, que busca transmitir estratexias que melloren o funcionamento persoal e familiar. A segunda consiste na terapia familiar, coa que se avanza na resolución de problemas de carácter psicolóxico, de relacións ou de conduta das persoas encargadas de protexer aos menores. E unha terceira ferramenta é a educación familiar, para que os familias adquiran as habilidades e hábitos que precisan para atender as necesidades físicas, afectivas, de organización do fogar e de resposta ás condutas dos menores.

7 de maio de 2019 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.