publicidade hoxe

O Observatorio Galego de Educación Ambiental organizará unhas xornadas para sensibilizar sobre o coidado do entorno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOleirosPortada dereita
A-
A+

O Observatorio Galego de Educación Ambiental traballará na organización dunhas xornadas divulgativas, no último trimestre deste ano, abertas á participación de todos aqueles sectores e entidades da sociedade civil galega que desenvolvan actividades ou iniciativas de interese no eido medioambiental. Así llo encomendou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, aos membros do Observatorio, un órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento en todo o relacionado co desenvolvemento da educación ambiental en Galicia, con máis de 18 anos de historia.

Durante a reunión desta entidade, a primeira que se celebra desde a actualización da súa composición acordada o ano pasado, Do Campo exerceu a Presidencia e avogou por darlle ao Observatorio o pulo necesario para convertelo “nun referente” en Galicia en materia de educación medioambiental, tendo en conta que a súa finalidade é facer o seguimento e a avaliación do grao de concienciación da sociedade galega neste sentido.

Cómpre lembrar que no Observatorio Galego de Educación Ambiental están representadas as consellerías de Educación, de Infraestruturas e Mobilidade e de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, así como a Sociedade Galega de Educación Ambiental, o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), organizacións ecoloxistas e expertos de recoñecido prestixio no eido da educación ambiental.

Neste sentido e como primeiro paso, a directora xeral de Patrimonio Natural emprazou a todos os seus integrantes a presentar achegas e traballar de forma conxunta a través dun comité organizador no programa destas Xornadas Galegas de Educación Ambiental, un escaparate no que, precisou, todos os membros do Observatorio poderán presentar as súas liñas de traballo. Así, Do Campo convidou a participar neste evento ás universidades e ao sector educativo en xeral, ao resto das administracións públicas e á sociedade civil galega.

Aposta da Xunta pola educación ambiental

Por último, a responsable de Patrimonio Natural incidiu na importancia que ten a educación ambiental como ferramenta efectiva para a sensibilización e a concienciación cidadá sobre a importancia da paisaxe e dos valores naturais de Galicia. A Xunta é consciente dese papel, e por iso defendeu a aposta que está a facer desde hai anos a Consellería de Medio Ambiente tanto desde os centros de ensino, como no ámbito da educación non formal, a través da organización de actividades e campañas de sensibilización con este obxectivo.

Ao respecto, Belén do Campo lembrou as actuacións desenvolvidas en eidos tan diversos como a conservación do patrimonio natural a través da colaboración en programas de gran éxito e tradición na comunidade, como o Proxecto Ríos ou o Proxecto Terra; a divulgación meteorolóxica, poñendo MeteoGalicia ao servizo dos cidadáns e máis concretamente, dos 3.200 nenos e rapaces que visitaron as súas instalacións no curso 2017-2018; ou a correcta xestión dos residuos, con máis de 75.000 visitas educativas nos últimos anos ao complexo medioambiental de Cerceda.

8 de maio de 2019 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.