publicidade hoxe

Máis de 420 mozos galegos residentes en catro dos cinco continentes solicitan unha das 150 Bolsas Excelencia Mocidade Exterior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+
Candidatos ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior

Candidatos ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior

As Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) creadas en 2017 pola Secretaría Xeral da Emigración, veñen de aumentar o número de solicitantes na súa terceira convocatoria, cuxo prazo de peticións vén de pechar. A nova edición deste programa do Goberno galego recibiu 423 candidaturas, malia que foron un total de 583 persoas as que iniciaron a tramitación. Sen embargo, 160 delas non concluíron o procedemento por algún motivo e o resto si concluíron os trámites.

Os candidatos proceden, ademais, por primeira vez de catro dos cinco continentes, entre os que destacan por número de solicitudes América e Europa, pero que tamén inclúen este ano peticións chegadas de Oceanía (Australia) e África. Do total de aspirantes, 53 son galegos nados en Galicia ou que residiron na comunidade máis de dez anos, malia que agora residen noutros países, nomeadamente europeos, como O Reino Unido e Portugal.

Por países de procedencia das solicitudes, A Arxentina lidera a listaxe con 134, sendo tamén o que máis poboación galega de todo o mundo acubilla logo da Galicia territorial, con máis de 176.000. Séguelle Venezuela, con 85; O Brasil, con 59; O Uruguai, con 34; O Reino Unido, con 26 e México, con 21, entre outros. Todos estes países aumentan a cifra de peticións, agás O Uruguai e mantén o mesmo número ca o ano pasado. Engádense, ademais, este ano candidatos residentes en Dinamarca, Finlandia, Austria ou Irlanda, entre as procedencias máis novidosas.

Os 25 anos, o grupo máis numeroso

Tamén as idades dos aspirantes a obter unha das 150 Bolsas Excelencia Mocidade Exterior mudaron respecto ás da anterior convocatoria. Así, malia que se mantén a media, que ronda os 30 anos, o grupo máis numeroso de solicitudes nesta terceira convocatoria é de 25 anos, cun total de 40 candidatos, en lugar dos 28 da edición 2018/2019. A seguinte franxa por número de aspirantes é a de 24 anos, con 33 solicitudes; 27 anos, con 31; 28 anos, con 30; e 31 anos, con 27.

Esta nova convocatoria das BEME incrementou o número de prazas dispoñibles, que pasaron de 100 a 150, e que incluía un aumento proporcional do orzamento destinado a este programa da Secretaría Xeral da Emigración, que pasou de 860.625 euros da anterior edición aos preto de 1,3 millóns de euros que se reservaron para a actual. O obxectivo é dar aos mozos galegos residentes no exterior a oportunidade de cursar un mestrado nunha das tres universidades galegas, grazas a unha axuda que oscila entre os 7.000 e os 11.475 euros en función do país de procedencia e a duración dos estudos subvencionados. Os gastos están destinados a cubrir tanto a matrícula como os billetes e a estadía dos beneficiarios das bolsas.

3 de maio de 2019 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.