publicidade hoxe

Ángeles Vázquez e Joaquín Prieto analizan as medidas da Xunta para facilitar o acceso á vivenda aos mozos de Larouco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLaroucoLocal PortadaOurensePortada dereita
A-
A+
Ángeles Vázquez na reunión co alcalde de Larouco

Ángeles Vázquez na reunión co alcalde de Larouco

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Larouco, Joaquín B. Prieto Rodríguez, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo para analizar as distintas axudas da Xunta de Galicia para facilitar o acceso a unha vivenda, aos mozos especialmente.

A conselleira de Medio Ambiente indicoulle que o IGVS ten aberta unha liña de actuación, á que se destinan 800.000 euros, para habilitar axudas para adquisición de vivenda por parte de menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitantes. Indicou que os interesados dispoñen ata finais de outubro para presentar a súa solicitude. O obxectivo é contribuír ao asentamento de mozos nos concellos menos poboados, favorecendo a fixación de poboación nova nas áreas máis rurais de Galicia.

Outra das propostas para facilitar vivenda aos veciños de Larouco son o emprego de técnicas de construción modular. Ángeles Vázquez explicoulle que este procedemento construtivo baséase na unión de distintos módulos estandarizados que se fabrican na súa totalidade en taller, de xeito que as únicas obras requiridas sobre o terreo para a instalación destes inmobles será a execución da cimentación e ensamblaxe.

Coa aposta por este tipo de técnicas de construción búscase un dobre obxectivo. Por un lado, supón unha forma áxil de incrementar o parque de vivendas protexidas existente na comunidade, xa que reduce os custos sen que haxa unha perda da calidade construtiva e acurta de forma notable os tempos de fabricación; e pola outra, tamén representa a aposta da Xunta pola innovación en materia de edificación residencial pública.

Fomentar a rehabilitación

A conselleira de Medio Ambiente recordou que outra das pedras angulares de actuación do IGVS é o fomento da rehabilitación, co fin de recuperar e conservar o patrimonio edificatoria que xa existen nas vilas e cidades galegas. Nese sentido, destacou que a Xunta xestionará en 2019 case 53 millóns de euros a subvencións para rehabilitación e acceso á vivenda, a través de 16 liñas de axudas destinadas a particulares, comunidades de propietarios, concellos e promotores.

13 de maio de 2019 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.