A Xunta colabora nun proxecto para xerar enerxía 100% renovable e sustentable nas Illas Cíes e Ons
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participaron hoxe na presentación do proxecto Tutatis nZE – near Zero Emission que pretende lograr a autosuficiencia enerxética nas Illas Cíes e Ons mediante a xeración de enerxía 100% renovable, co fin de que ambas illas avancen cara as cero emisións.
O proxecto, impulsado polo Porto de Vigo, pretende crear un sistema sostible de aproveitamento dos recursos naturais, integrado na contorna e capaz de cubrir a demanda de enerxía e de auga de Cíes e de Ons. Un bo exemplo do obxectivo que se persegue é o caso da Illa grega de Tilos, que desde o mes de xaneiro xa se alimenta ao 100% de enerxías renovables, é dicir, o aire e o solo ofrecen subministro constante mediante un aeroxenerador e un parque fotovoltaico, aos habitantes da illa e aos turistas que se achegan nos meses de verán.
Trátase dunha importante iniciativa para a redución da pegada de carbono e para acadar unhas illas sostibles e colaboradoras coa loita contra o cambio climático, e acorde coa Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU.
O apoio da Administración autonómica a esta iniciativa inscríbese no firme compromiso da Xunta coa defensa do medio ambiente e, máis en concreto, da conservación da riqueza medioambiental do Parque Nacional das Illas Atlánticas.