publicidade hoxe

Xunta e Farmamundi colaboran na atención de emerxencia ás poboacións afectadas polas inundacións de Ecuador

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia, en colaboración coa ONGD Farmamundi, activou o convenio de colaboración asinado entre ambas entidades co obxectivo de executar unha intervención de emerxencia en Ecuador, no cantón de Santa Ana, tras as inundacións rexistradas recentemente.

A través deste dispositivo, esperase atender a unhas 540 persoas de varias poboacións rurais nas que a poboación se atopa en situación de especial vulnerabilidade. Distribuiranse kits de hixiene persoal e traballarase para garantirlles o acceso a fontes de auga segura para o consumo humano, co obxectivo de mitigar o risco de propagación de enfermidades.

A actuación desenvolverase en colaboración con Farmamundi e o seu socio local Fundación Terranueva, que está traballando na provincia de Manabí, unha das máis afectadas polo desastre.

Colaborando desde 2009

Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos dez convenios de colaboración asinados para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), e o sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas: os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria.

15 de abril de 2019 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.