publicidade hoxe

Máis de 80 escolares compiten en Santiago por ser Superlíderes

Máis de 80 escolares van competir mañá en Santiago por ser Superlíderes na fase final do certame organizado con este nome pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional no marco do Plan Eduemprende. O obxectivo do concurso é fomentar, motivar e sensibilizar ao alumnado de 3º e 4º de Primaria no espírito emprendedor.

Para iso, Superlíderes propón 6 competencias que os escolares tiveron que practicar e fortalecer na aula: a motivación, o enxeño, a comunicación, a persuasión, a negociación e a capacidade de traballar e dirixir equipos.

Esta fase final, o Día dos Superlíderes, enfrontará o alumnado de cada nivel (3º e 4 curso) por roles, expoñendo en quendas de 3 minutos dúas solucións aos retos propostos. O reto final buscará demostrar as habilidades de improvisación e resolución inmediata mediante as habilidades de liderado obxecto deste programa.

Os premios, un individual por rol e nivel e un premio grupal para o centro educativo que obtivese unha mellor valoración, entregaranse tamén no Día dos Superlíderes. Ademais destacaranse dous Dreamteams (un de 3º e outro de 4º) integrados, en cada nivel, polo alumnado que mellor puntuación obtivese en cada rol.

O certame Superlíderes arrincou o pasado outono, coa sesión Adestrando Superpoderes na que se lles ofreceu información e orientación ao respecto aos docentes dos centros educativos participantes. A continuación, púxose a disposición de alumnado e profesorado tres itinerarios de aprendizaxe.

Baixo o título Os 6 Superpoderes, o primeiro itinerario baseouse en seis infografías coas que traballar na aula os seis superpoderes. Cinco infografías entregáronse xa deseñadas, buscando a súa interpretación compartida na aula e a sexta, que levaba por título Superlíder, foi elaborada integramente na clase, tomando como modelo as cinco anteriores e deixando aberto o seu deseño ao enxeño e imaxinación de cada grupo.

O segundo itinerario, Empodérate, buscou poñer a proba e incrementar os coñecementos aprendidos no primeiro itinerario. Para iso, o alumnado agrupado en equipos de 6 membros accedeu a un divertido xogo en liña co que adestrou cada un dos seis Superpoderes a través da realización de 30 misións, cinco por superpoder. Ao final de cada misión cada equipo atopaba unha clave que lle permitía acceder á seguinte misión. O equipo que conseguía en menos tempo todos os Superpoderes obtiña o seu diploma de Superlíder.

No terceiro itinerario, Desafío Superlíder, participou o equipo que antes acadou o seu diploma de Superlíder en cada un dos centros participantes, capitaneado por un docente. A cada escolar foille asignado un rol a desempeñar: motivador/a, enxeñeiro/a, comunicador/a, ilusionista, negociador/a e director/a. Unha vez cos papeis asignados, o responsable de cada rol realizou o seu propio reto en liña. Os centros deberon presentar a solución dos seis retos do seu nivel xunto coa proposta da infografía de Superlíder antes de participar na fase final que se celebra mañá en Santiago de Compostela.

8 de abril de 2019 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.