Máis de 100 alumnos comezan o curso de formación de Policía Local, o máis numeroso na historia da Agasp
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no acto de recepción aos máis de 100 alumnos que comezan esta semana o curso de formación de Policía Local, o máis numeroso na historia da Academia Galega de Seguridade Públicas (AGASP).
Os seleccionados desta undécima promoción formaranse agora durante 9 meses -seis meses nas instalacións da AGASP e outros tres meses nos concellos- nun curso obrigatorio para poder exercer como policías locais.
Todos os que comezan esta formación pasaron previamente por un proceso selectivo, ben nos diferentes concellos que decidiron convocalo individualmente ou ben a través da oposición unificada convocada pola Xunta por primeira vez o ano pasado.
O novo sistema unificado habilitouse de forma pioneira o ano pasado co obxectivo de ofrecer un salto cualitativo na profesionalización deste corpo e dar resposta a unha demanda dos concellos, que poden adherirse voluntariamente e delegar o proceso selectivo na Xunta. O ano pasado a través desta vía convocáronse 38 prazas para policía -que forman parte do curso que comeza hoxe-, e 109 de auxiliares.
Este ano vólvese repetir este sistema unificado, con máis prazas. No caso dos auxiliares, os concellos delegaron nesta ocasión o proceso selectivo de 150 prazas, cuxo prazo de presentación de solicitudes rematou o pasado mércores. No caso da policía, vanse ofertar 130 prazas nunha convocatoria que se publicará en maio.
A día de hoxe, máis da metade dos concellos con Policía Local delegaron xa a súa competencia de selección na AGASP.