publicidade hoxe

Feijóo anima ao naval galego a seguir apostando pola calidade, a internacionalización e a formación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarínPontevedraPortada esquerda
A-
A+
Visita do presidente galego ás instalacións do estaleiro

Visita do presidente galego ás instalacións do estaleiro

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe ao naval galego a seguir apostando pola calidade técnica, a internacionalización e a formación, claves, aseverou, na evolución do sector.

Nesta liña, Feijóo resaltou que o naval galego é hoxe unha industria que crece en facturación, sumando, en 2018, máis de 500 millóns de euros en pedidos e en emprego, con 12.000 traballadores. E referiuse ás instalacións do estaleiro de Nodosa Shipyard como exemplo desta aposta, con 10 buques en carteira e carga de traballo para máis de dous anos.

“Falamos dun estaleiro que leva 40 anos de actividade, como un dos pulmóns económicos e laborais da ría de Pontevedra; e que, neste momento, dá emprego a preto de 1.000 traballadores. Pero tamén dun estaleiro do século XXI que soubo diversificar o seu mercado cara a nichos como a construción de dragas e remolcadores, así como intensificar a I+D+i nos seus procesos de fabricación e deseño”, explicou, facendo fincapé en que este departamento é vital para que Nodosa poida traballar como o está a facer en ámbitos como a propulsión eléctrica ou as dragas ecolóxicas.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta subliñou que o camiño do sector cara á industria 4.0 está a permitir amosar toda a súa capacidade para competir con terceiros países, achegando o valor engadido da alta tecnoloxía. Como proba disto, referiuse ao minicruceiro de luxo de Barreras para a cadea Ritz Carlton; ás fragatas F-110; á construción na ría de Vigo do buque escola para a Armada Indonesia; á construción por Nodosa da draga de casco partido máis grande que se fixo en España; e ao buque conxelador máis grande ata a data para a flota hispano británica.

Por último, e dentro da aposta pola diversificación, resaltou que o naval galego converteuse nun provedor de referencia para os principais parques eólicos mariños do mundo, ademais de ser un sector especializado na construción de oceanográficos e de barcos pesqueiros para distintos caladoiros.

24 de abril de 2019 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.