publicidade hoxe

A Agacal organiza en Sober unha xornada técnica sobre os viños rosados en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaSober
A-
A+

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, organiza para o vindeiro martes 9 de abril, en Sober, unha xornada técnica sobre os viños rosados en Galicia, centrada nos retos e innovacións no mercado.

Con esta xornada preténdese dar a coñecer polo miúdo as características dos viños rosados, tendo en conta que segundo un estudo da Organización Internacional de la Viña y el Vino (OIV) o seu consumo aumentou un 20% dende o ano 2002 a nivel global. Esta demanda está facendo que as empresas do sector vitivinícola comecen a apostar fortemente polos viños rosados, tal e como fixo a D.O. Ribeira Sacra, que modificou o seu prego de condicións para poder así amparar este tipo de producións.

Así, ao longo desta xornada coñecerase a experiencia de Navarra como territorio de referencia deste tipo de elaboracións, a caracterización das variedades tintas galegas para a produción destes viños e os coñecementos de adegas e do propio consello regulador na fabricación destes caldos.

Ademais, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Agacal, está a desenvolver dende a colleita do ano 2016 unha experiencia cos viños rosados, co fin de coñecer o potencial das variedades tintas de cultivo tradicional en Galicia como son a merenzao, a mouratón, a caíño tinto, a brancellao, etc.

Os interesados poderán inscribirse ata o luns 8 de abril a través da páxina web da Consellería do Medio Rural ou da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia. O aforo é limitado a 100 persoas.

5 de abril de 2019 | 12:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.