publicidade hoxe

Francisco Conde: “a mellora da fenda salarial ten que estar no centro da negociación colectiva e dos plans de igualdade”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaVigo
A-
A+
Intervención de Francisco Conde

Intervención de Francisco Conde

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Vigo na inauguración do encontro Unha análise de realidade: a fenda salarial, onde se presentaron as conclusións do estudo realizado pola Universidade de Vigo co apoio da Xunta sobre este tema.

Conde destacou as principais recomendacións que desenvolve o informe elaborado polo equipo de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, liderado polo catedrático Jaime Cabeza, e sinalou que a mellora da fenda salarial ten que estar no centro do diálogo social, da negociación colectiva e dos plans de igualdade.

Con respecto a este último aspecto, indicou que o papel dos plans de igualdade na loita contra a fenda salarial ten que ser “aínda máis contundente” e afirmou que a negociación debe orientarse cara á superación das diferenzas entre homes e mulleres no eido laboral. Ao respecto, apuntou a necesidade de buscar e identificar bos exemplos e casos de boas prácticas entre as cláusulas dos convenios colectivos. “Temos que impulsar e identificar medidas concretas, tanto por parte da administración como das empresas, e traballar todos xuntos para que non haxa trabas que impidan a igualdade efectiva entre homes e mulleres no eido salarial”, explicou.

Así mesmo, asegurou que o estudo é unha ferramenta importante para proxectar políticas de cambio poñendo en valor as recomendacións que realiza como unha serie de medidas de conciliación, onde se teña en conta ás familias monoparentais, as situacións de violencia de xénero ou a racionalización das horas extraordinarias.

Outras recomendacións que propón o documento son promover a transparencia salarial e revisar as táboas de salarios en clave de xénero para reformulalas no caso de que sexa necesario; elaborar sistemas de clasificación profesional neutros e transparentes; levar a cabo medidas de acción positiva para a contratación das persoas do sexo menos representado; establecer criterios obxectivos, transparentes e neutros para a promoción profesional; facer unha composición equilibrada dos tribunais de selección; e revisar os complementos salariais, en especial, os relativos á antigüidade.

Conde, ademais, puxo en valor o traballo que desenvolve a Xunta no eido da igualdade e lembrou que unha das mesas de traballo do diálogo social está enfocada á igualdade efectiva entre homes e mulleres.

O mercado laboral feminino está mellorando. Galicia presenta mellores resultados para as mulleres que no resto de España con menor taxa de paro, maiores taxas de actividade e de emprego e menores taxas de temporalidade e parcialidade.

26 de marzo de 2019 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.