publicidade hoxe

Educación adxudica a ampliación do CEIP Lamas de Abade

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe na Plataforma de Contratación a adxudicación, por 1.160.653,78 €, da obra de ampliación do CEIP Lamas de Abade (Santiago de Compostela). O prazo de execución da obra, unha vez asinada a Acta de Comprobación e replanteo, será de 6 meses.

A obra consistirá na construción dunha nova edificación destinada a aulario de Infantil, cunha superficie total construída de 831,7 metros cadrados e capacidade para 150 alumnas e alumnos. O edificio contará con 6 aulas con aseo no seu interior, unha sala de usos múltiples, unha aula de apoio educativo, unha aula exterior, un patio cuberto, así como distintas salas de usos tanto administrativos como para as instalacións, almacenaxe e limpeza. Ademais prevese a instalación dun novo ascensor no edificio existente.

Para conectar o novo edificio co actual construirase unha pasarela acristalada, polo que haberá que abrir o pertinente oco na fachada do existente para a instalación dunha porta de paso entre ambos espazos, así como reestruturar unha das aulas da planta baixa para xerar un novo corredor de acceso á pasarela. A maiores, ampliarase a zona cuberta existente no patio e conectarase o novo aulario co parque infantil e co patio cuberto a través de ramplas e escaleiras.

20 de marzo de 2019 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.