publicidade hoxe

Carmen Pomar salienta que as agrupacións estratéxicas permiten consolidar en Galicia a investigación universitaria excelente

Carmen Pomar na presentación da agrupación estratéxica AEMAT

Carmen Pomar na presentación da agrupación estratéxica AEMAT

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na presentación da agrupación estratéxica AEMAT, da Universidade de Santiago de Compostela, centrada en coordinar, fomentar e contribuír a consolidar unha unidade de referencia en investigación en materiais avanzados e nanociencia.

Na súa intervención a conselleira salientou que as agrupacións estratéxicas permiten “ordenar unha parte da investigación excelente que se atopa nas universidades, co obxectivo primordial de consolidar en Galicia un modelo de ciencia no ámbito universitario”.

“Neste sentido,– explicou– responden ao vello dito de que a unión fai a forza, xa que transcenden o que podería lograr un grupo de xeito individual, e favorecen a creación de coñecemento, a competitividade no acceso a fontes de financiamento ou a mellora da calidade e do impacto da produción científica”.

Carmen Pomar salientou que AEMAT vai liderar e servir de estímulo á contorna tecnolóxica, “cos principios de ciencia excelente, política de talento, xestión eficiente, investigación e innovación responsables como piares e a transferencia de coñecemento no horizonte”. “Os novos materiais son un dos piares da actual revolución industrial e a AEMAT vai a usar estes elementos novidosos para abordar retos globais, como a transición enerxética, a diminución do impacto ambiental e a innovación biomédica”, dixo.

A Agrupación Estratéxica en Materiais (AEMAT) é unha das catro novas estruturas supra-grupais que foron acreditadas polo Goberno autonómico na convocatoria de 2018. “Un recoñecemento digno de salientar, xa que só o lograron a metade das entidades solicitantes”, sinalou a conselleira.

O seu obxectivo é establecer un liderado autonómico que sirva de estímulo e apoio á contorna tecnolóxica sobre os principios da excelencia científica, da política de talento, da xestión eficiente, da transferencia de coñecementos e da investigación e innovación responsables. Está conformada por 11 grupos de investigación que traballan no eido dos nanomateriais funcionais e outros materiais (cerámicas, magnéticos, plasmónicos, poliméricos e superconductores), dispositivos ópticos ou biomateriais.

6 de marzo de 2019 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.