publicidade hoxe

A Xunta declara a utilidade pública e dispón as expropiacións necesarias para a mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués en Conxo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués en Conxo, no Concello de Santiago.

O orzamento estimado desta intervención no barrio histórico de Conxo no ámbito do Camiño de Santiago suporá un investimento de 2,1 millóns de euros, nos que preto de 75.000 euros se destinan ao pagamento das expropiacións dos 7 predios necesarios para esta actuación.

Trátase dunha intervención no marco da estratexia para optimizar as entradas na capital de Galicia das diferentes rutas do Camiño de Santiago, facendo que sexa claramente visible e identificable ao tempo que favorece o tránsito dos peregrinos sobre o tráfico rodado, así como a posta en valor e desfrute dos espazos polos que transcorre.

A actuación no núcleo de Conxo de Abaixo suporá unha reordenación do itinerario desta ruta, mellorando a visual do peregrino ao longo da traza do camiño e reducindo o tránsito de vehículos, entre a glorieta coa SC-20 ata a rúa da Escurridía. Tamén cabe destacar a importancia que a dita actuación terá para os veciños do lugar.

Cómpre sinalar entre as actuacións previstas neste barrio histórico compostelán a intervención na praza fronte ao mosteiro de Santa María, para darlle unha dimensión máis humana ao espazo público, restrinxindo o tráfico de subida para residentes e transporte público. O obxectivo, dotar a este barrio compostelán dunha zona emblemática de acollida e desfrute de peregrinos e veciños, que disporán da súa pequena praza do Obradoiro.

A intervención nesta praza despexará a entorna coa fin prioritaria de propiciar unha grande praza, homoxénea e continua. Para iso, o proxecto unifica o nivel das dúas entradas principais do mosteiro, a da igrexa e a do hospital.

Configúrase unha praza, que se estende ata o centro social, a escola infantil e centro de saúde. Mantéñense os plátanos actuais e o cruceiro na súa actual situación, pero despéxase o resto da praza o que permite poñer en valor a fachada do mosteiro.

Reordénanse as prazas de carga e descarga e a parada do autobús, e se incorpora mobiliario urbano. O pavimento será homoxéneo e se estenderá ata os rueiros veciños.

Xa fóra da praza, reordénase a sección da rúa Benéfica para asegurar un paso mínimo de 3 m para o tránsito do peregrino, configurándose unha senda na que se disporá novo arborado.

Na Travesía de Torrente ata a rúa da Escurridía, o proxecto considera o mantemento xeral da sección e o pavimento existente, reparando o danado ou inadecuado.

En canto ao tráfico, restrinxirase a circulación na praza do mosteiro de Conxo no sentido de subida, salvo para o autobús urbano e residentes. Esta solución foi tratada cos veciños e coa empresa máis importante da zona.

Esta actuación enmárcase no proxecto para mellorar as entradas dos Camiños de Santiago á cidade de cara ao Xacobeo 2021, actuando ademais no Polígono do Tambre, no Monte do Gozo e nos Concheiros.

20 de marzo de 2019 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.