publicidade hoxe

A Cidade da Cultura acollerá o 7 de abril a carreira solidaria de Manos Unidas en Galicia

Presentación do evento

Presentación do evento

A Cidade da Cultura acollerá o domingo 7 de abril a carreira solidaria que Manos Unidas organiza en Galicia para celebrar os 60 anos desta ONG e que se realizará, de xeito simultáneo, o mesmo día en preto de 40 localidades españolas.

Esta actividade, cuxa recadación irá destinada a un programa de emprendemento para mulleres vulnerables na India, foi presentada hoxe no Gaiás pola directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, xunto á presidenta-delegada de Manos Unidas en Galicia, Judith Lucachesky, acompañadas do delegado da Federación Galega de Atletismo en Santiago, Iván Sanmartín Carreira, e o presidente do Club de Atletismo de Santiago, Alfonso López Menduiño, que colaboran nesta carreira.

A directora-xerente da Cidade da Cultura expresou a “enorme satisfacción” que supón para a institución que dirixe que o complexo do Gaiás e tamén as súas zonas verdes —nas que se inclúen o Bosque de Galicia e o Parque do Lago— acollan un acto destas características, que “adobía á perfección saúde e solidariedade”. Á vez, quixo amosar o seu agradecemento a Manos Unidas por escoller, de toda Galicia, a Cidade da Cultura para levalo a cabo. Ademais, aproveitou a súa intervención para salientar que con este tipo de accións “refórzanse e amplíanse” as actividades vinculadas co deporte e a natureza que se celebran nestas instalacións, “como a xa consolidada, familiar e divertida carreira Holi Gaiás, que terá unha nova edición o 8 de xuño”.

A inscrición nesta carreira solidaria de Manos Unidas está aberta ata o 2 de abril na páxina web www.carreirasgalegas.com e o pecorrido na Cidade da Cultura será de 2,5 quilómetros. O punto de saída será na intervención artística da Bóla de Libros, rodearase o CEM-Centro de Emprendemento do Gaiás e percorrerase un dos sendeiros que cruza todo o Bosque de Galicia para ir dar ao Parque do Lago, co obxecto que, desde alí, os e as participantes volvan subir ao punto de partida. Ademais, para os e as menores que acompañen os adultos —xa que a cativada no poderá participar nesta competición— haberá no complexo da Cidade da Cultura actividades lúdico-deportivas.

Carreira única en Galicia

Esta carreira solidaria coa que Manos Unidas festexa o seu 60 aniversario e a única que se celebra en Galicia, sumándose así o complexo do Gaiás ao reto da ONG de levar a cabo esta acción no mesmo día en preto de 40 localidades españolas.

No entanto, o esforzo que supón realizar estas 40 carreiras simultáneas terá a grande recompensa de apoiar un proxecto de promoción da muller na India, no que 343 mulleres recibirán formación e axuda para a creación dun negocio que lles permita mellorar a súa calidade de vida e as das súas familias.

Ademais, desde a ON destacan tamén o feito de que se trata dunha actividade “divertida e familiar” que permitirá que o traballo realizado durante estes 60 anos en Manos Unidas “poida ser coñecido por todo aquel que queira participar”.

Beneficiarias: mulleres en situación de vulnerabilidade na India

O proxecto elixido para asociar á carreira é o Programa de Emprendemento para mulleres vulnerables na India. As beneficiaras son mulleres que viven en condicións de pobreza e marxinalidade neste país, en concreto, nos distritos de Ramanathapuram e Sivagangai.

Co recadado nas carreiras solidarias do Gaiás e do resto de cidades capacitaráselles a estas mulleres para emprender negocios colectivos rendibles. Impartirase formación en: cría de vacas leiteiras, fabricación de corda a partir do coco, produción de encurtido de peixe e produción de fariña de millo, creando tres unidades de produción con alpendre e equipamento necesario.

Asemade, crearanse federacións onde se formarán equipos de vendedoras e con dous puntos de venda propio. Incluirase tamén un vehículo e os fillos destas mulleres recibirán asesoramento para os seus estudos, talleres de habilidades sociais e fortalecemento de capacidades. Este proxecto beneficia directamente a 343 mulleres e fillos e indirectamente a máis de 800 persoas.

7 de marzo de 2019 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.