publicidade hoxe

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 condena firmemente as sabotaxes e insiste na necesidade dun comportamento responsable durante as xornadas de folga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereitaSucesos
A-
A+

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 condena firmemente as sabotaxes realizadas contra as ambulancias da Rede de transporte sanitario urxente e insiste na necesidade dun comportamento responsable durante a segunda convocatoria de xornadas de folga, que comezou o pasado día 18 ás 00:00 horas e que está previsto se manteña ata as 23:59 horas do próximo domingo, 24 de febreiro. A convocatoria de folga enmárcase no contexto da falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia.

Cómpre subliñar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como servizo encargado do transporte sanitario urxente extrahospitalario na Comunidade Autónoma, ten a consideración de servizo esencial para a poboación e, polo tanto, os servizos mínimos establecidos durante as convocatorias de folga son do 100 %.

Picadas nas rodas e pintadas

Desde as 12:00 horas do día 20 e ata ás 12:00 de hoxe, 21 de febreiro, rexistráronse picadas nas rodas de 12 ambulancias asistenciais de soporte vital básico (SVB) con base nos concellos de Vigo e Ponteareas (dúas ambulancias en cada unha), Santiago, Chantada, Guitiriz, Monforte, Redondela, Ordes, Lugo e Boiro. Todos os vehículos substituíronse no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a traballar de xeito responsable e comprometido coa poboación para garantir a asistencia sanitaria urxente, de xeito que a convocatoria de xornadas de folga non prexudique a calidade da mesma e os cidadáns non se vexan privados do seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades. Por isto, insiste en facer novamente un chamamento ao comportamento responsable e consecuente, ademais de esixir respecto aos bens e as persoas.

21 de febreiro de 2019 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.