publicidade hoxe

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 amosa a súa máis firme condena e repulsa polo incendio da ambulancia con base en Santa Comba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaSanta CombaSucesos
A-
A+

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 amosa a súa máis firme condena e repulsa polo incendio da ambulancia de soporte vital básico con base no concello de Santa Comba. O incendio do vehículo, que forma parte da Rede de transporte sanitario urxente, tivo lugar arredor das 02,20 desta mañá na Avenida Santiago de Santa Comba, onde a ambulancia ten establecida a súa base. Afortunadamente non houbo que lamentar outros danos materiais ou persoais.

O incendio da ambulancia con base en Santa Comba prodúcese nunha data á marxe das xornadas de folga acordadas polas organizacións sindicais UGT, CC. OO. e CIG, e cuxa próxima e terceira convocatoria terá lugar entre as 00,00 horas do día 4 e as 23,59 do día 10 de marzo. A convocatoria de xornadas de folga enmárcase no contexto da falta de acordo na negociación do convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia.

Chamamento ao comportamento responsable

Ante os sabotaxes e actos vandálicos que as ambulancias asistenciais de soporte vital básico e de soporte vital avanzado están a sufrir nas últimas semanas, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 insiste, unha vez máis, en facer un chamamento ao comportamento responsable e consecuente e en esixir respecto aos bens e ás persoas.

Por último, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 lembra que mantén o seu compromiso e responsabilidade coa poboación, e está a traballar para garantir a asistencia sanitaria urxente en toda a Comunidade autónoma, de xeito que a convocatoria de xornadas de folga non prexudique a calidade da mesma e os cidadáns non se vexan privados do seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades as 24 horas e os 365 días do ano.

26 de febreiro de 2019 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.