Preto de 11.000 persoas están convocadas ás oposicións do Sergas que se celebran en Silleda os 9 e 10 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o lugar e a data de realización dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo convocado por Resolución do 1 de marzo de 2018 para o ingreso na categoría de celador. En total resultaron admitidos 10.892 aspirantes, dos cales 218 participan pola quenda de discapacidade intelectual.

É o primeiro proceso selectivo no que se habilitou unha quenda diferenciada de acceso para as persoas con discapacidade intelectual, coas pertinentes adaptacións de temarios e tempo de realización das probas que permiten a concorrencia destes aspirantes en condicións de igualdade ao emprego público, facilitando así a súa integración laboral. Estes aspirantes están convocados o 9 de marzo, ás 10 horas, para a realización do primeiro exercicio da parte específica. O 10 de marzo, ás 15:30 horas examinaranse os aspirantes das quendas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral, que realizarán os tres exercicios que comprenden a fase de oposición.

Ofértanse neste proceso un total de 390 prazas, das cales 144 corresponden á quenda de acceso libre, 195 á quenda de promoción interna, 21 á quenda de discapacidade xeral e 30 á quenda de discapacidade intelectual.

As probas selectivas realizaranse no recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra). Na páxina web do Servizo Galego de Saúde recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.

Como en anteriores procesos selectivos, para dar cumprimento ás esixencias de obxectividade e imparcialidade na selección dos/das aspirantes, reforzáronse as medidas de seguridade coa posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición que garante a trazabilidade de todo o proceso e permite a selección aleatoria e automatizada das preguntas de exame.

Coordinación procesos selectivos no ámbito do Sistema Nacional de Saúde

Está previsto que as probas selectivas para o grupo auxiliar da función administrativa se realicen o 7 de abril, e o 12 de maio as correspondentes á categoría de enfermeiro/a. O Servizo Galego de Saúde cumprirá así cos compromisos de coordinación dos procesos selectivos entre as Comunidades Autónomas, adquiridos no ámbito da Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde.

20 de febreiro de 2019 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.