publicidade hoxe

Os gardacostas requisan máis de 950 quilos de ourizo e 433 quilos doutras especies en distintos controis na costa galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereitaSucesos
A-
A+

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron máis de 950 quilos de ourizo e 433 quilos doutras especies en distintos controis realizados na costa galega entre o 18 e o 24 de febreiro. Nestes controis tamén se confiscaron 257 nasas e 47 pezas de trasmallos. Só o ourizo comisado acadaría un valor estimado no mercado de máis de 5.700 euros.

Os comisos de ourizo producíronse na provincia da Coruña no marco de operativos específicos coincidindo cos episodios de mareas vivas rexistrados no litoral galego durante a semana pasada. O máis numeroso foi na ría de Ferrol, en punta Roiba, onde axentes de Gardacostas e da Policía Autonómica requisaron nun control en terra 450 quilos de ourizo, 15 capachos, unha saca de rede, tres pares de luvas e catro raspas. O produto, aprehendido a sete persoas que foron identificadas, foi devolto ao mar.

O segundo operativo máis importante do ourizo foi na ría da Coruña, en Oleiros, e tamén por terra, onde os efectivos de Gardacostas, en colaboración coa Garda Civil de Oleiros, confiscaron 288 quilos de produto. Mentres, na ría de Ares-Betanzos, os axentes do servizo dependente da Consellería do Mar e da Policía Autonómica comisaron nun control combinado en terra e no mar 225 quilos de ourizo, 100 gramos de ameixa fina, 10 capachos, un saco de rede e un sacho. Nel foron identificadas catro persoas que carecían dos permisos para extraer este recurso. Todos os exemplares requisados neste operativos foron devoltos ao mar.

Á marxe do ourizo, a ría de Muros e Noia foi o escenario dun importante operativo contra o furtivismo no que os axentes se fixeron con 217 quilos de mexilla extraída de forma irregular durante un control por terra na praia de Susiños, no ámbito da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos, en Lira (Carnota).

Na ría de Arousa, pola súa banda, rexistráronse varios controis coa incautación tanto de aparellos como de distintas especies. Nun deles, realizado no sur da ría de Arousa, os axentes de Gardacostas confiscaron 84 nasas de madeira e 30 de PVC que estaban sen identificar, así como 15 quilos de polbo e tres quilos de nécora. Noutro operativo en Meloxo foron aprehendidas 66 nasas, 30 pezas de trasmallos e cinco pezas de miños xunto a máis de oito quilos de cazón, preto de oito quilos de raia, 12 quilos de polbo, case 13 de nécora e máis de 3 quilos de rubio. As artes de pesca estaban sen identificar e as especies foron devoltas ao mar. Un terceiro control en Arousa, na Illa, supuxo o comiso de 33 nasas para nécora e un viveiro que estaban sen identificar, así como 3,5 quilos de nécora e máis de 4 quilos de centola.

Na ría de Pontevedra os axentes de Gardacostas tamén requisaron 44 nasas para a captura de polbo e 10 quilos deste cefalópodo. Mentres, na ría de Vigo, os efectivos da Consellería do Mar incautáronse de 17 pezas de trasmallos sen identificar e comisaron nove quilos de choco, entre outras especies.

Por outra banda, nun control conxunto de comercialización por estrada realizado na peaxe da AP-9 en Vilaboa entre os gardacostas, a Garda Civil de Tráfico e o Seprona de Pontevedra, os axentes requisaron 40 quilos de berberecho que transportaba un dos vehículos inspeccionados. Este produto foi comisado por carecer de documentación e tería un prezo estimado no mercado de máis de 230 euros.

26 de febreiro de 2019 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.