publicidade hoxe

O Sergas inviste preto de 150.000 euros nas obras de ampliación do centro de saúde de Pazos de Borbén

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPazos de BorbénPontevedra
A-
A+
Jesús Vázquez na visita ás obras

Jesús Vázquez na visita ás obras

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe as obras de reforma e ampliación do centro de saúde de Pazos de Borbén, nas que o Servizo Galego de Saúde vai investir 148.650 euros. Os traballos, que comenzaron este mesmo mes de febreiro, teñen un prazo estimado de tres meses e permitirán incrementar a superficie útil do centro nun 70%, pasando dos actuais 112 m2 a preto de 190 m2, unha vez rematadas as obras. Esta actuación enmárcase dentro do plan de mellora das infraestruturas de atención primaria que está a levar a cabo o Goberno galego.

A reforma proposta dotará a este dispositivo sanitario dos espazos necesarios para unha mellora da atención, tales como unha consulta polivalente, unha nova sala de espera para pacientes pediátricos, a adaptación dos espazos e consultas existentes á normativa vixente de accesibilidade e supresión de barreira arquitectónicas.

Deste xeito, e unha vez concluídos os traballos, o edificio contará cunha consulta de medicina xeral, unha sala de enfermería, unha sala polivalente, unha consulta de pediatría-matrona, unha sala de espera pediátrica, almacén, vestiario e aseos, así como unha rampa accesible desde o exterior ata a zona de entrada á edificación.

A obra consiste en organizar os espazos existentes aproveitando o baixo andar da vivenda adosada (a antiga casa do médico, incluída no centro) e construíndo un pequeno volume na fachada sur co fin de dotar ao centro dos espazos necesarios para o seu correcto funcionamento e dar tamén resposta ás esixencias de accesibilidade da veciñanza.

A nova edificación resultante respecta as características da edificación orixinal, acadando unha imaxe unitaria do conxunto mediante a conservación das fachadas e a reforma e unificación da cuberta.

Cómpre subliñar que mentres duren as obras de reforma e ampliación do centro de saúde de Pazos de Borbén, a atención sanitaria prestarase no Punto de Atención Móbil (composto por dúas unidades móbiles) e conformado como centro de saúde. Deste xeito, o Sergas garante que a poboación siga sendo atendida no mesmo lugar, recibindo a mesma asistencia prestada polos seus propios profesionais e evitando os desprazamentos da veciñanza desta localidade a outros concellos.

O centro de saúde de Pazos de Borbén atende a unha poboación de máis de 1.500 persoas.

19 de febreiro de 2019 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.