publicidade hoxe

O mapa de titulacións prevé a implantación de 5 graos no Campus de Lugo ata 2020

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugoPortada esquerda
A-
A+

O Mapa de Titulacións, acordado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en consenso coas tres universidades galegas, prevé a implantación de 5 novos graos no Campus de Lugo ata o ano 2020. Así o explicou o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, hoxe no Parlamento, onde indicou que no actual curso xa se puxo en marcha o de Paisaxe e que para os vindeiros cursos están previstos os de Robótica, Empresa e Tecnoloxía, Xestión Cultural e Bioquímica. Pola contra, só está prevista a saída da oferta de tres graos: Xeomática e Topografía, Xestión de Pemes e Ciencias da Cultura, en todos os casos por falta de demanda do alumnado.

Neste sentido o secretario xeral explicou que o resto de posibilidades “estase a negociar” e que neste momento “estamos nun proceso de consulta con obxecto de preparar a oferta de títulos a verificar e de prazas para o vindeiro curso 2019/20”. En calquera caso, aclarou que en todo o proceso de definición da oferta no Sistema Universitario de Galicia (SUG), as decisións adóptanse de común acordo coas universidades, “que son as únicas que poden presentar memorias de verificación de títulos”.

Ademais, recordou que a mellora da oferta académica do SUG é un proceso permanente baseado na análise de datos de cada curso continuo, no exame das necesidades laborais dos egresados, na reforma dos títulos que incumpren a normativa vixente e na aparición de novos coñecementos para perfís profesionais de futuro que convén incorporar ao catálogo galego.

José Alberto Díez de Castro quixo reafirmar o compromiso da Xunta de Galicia co Campus Lugo, cun investimento superior aos 10 millóns de euros desde 2010, de tal xeito que “o investimento no Campus Terra é o maior realizado en todo o SUG”.

Novo CEIP Sagrado Corazón

Pola súa banda, o secretario xeral técnico, Jesús Oitavén, explicou hoxe no Parlamento de Galicia que a Consellería de Educación ten previsto adxudicar no vindeiro mes de marzo a obra de construción do novo CEIP Sagrado Corazón, na cidade da Muralla. O efectivo comezo das obras quedará condicionado á obtención da preceptiva licenza municipal polo que “só se a licenza se concede en marzo de 2019 será posible rematar as obras para o inicio do curso 2020/2021, compromiso da Consellería”, sinalou.

A este respecto o secretario xeral técnico lembrou que , malia que a Consellería solicitou ao Concello de Lugo os terreos para este centro o 7 de febreiro de 2012, este non entregou a documentación das parcelas ata xullo de 2016. Debido a este retraso, o convenio para a posta a disposición dos terreos non se puido asinar ata o 7 de xullo de 2017. A partir dese momento a Consellería traballou coa máxima dilixencia, licitando o proxecto en tan só 22 días. A obra licitouse en decembro de 2018, data na que se solicitou licenza ao Concello de Lugo. A Lei 2/2016 do solo de Galicia establece no seu artigo 143 que as peticións de licenza resolveranse no prazo de tres meses, a contar dende a presentación da documentación no concello, pero o Concello aínda non concedeu a licenza.

O novo CEIP contará con 18 aulas, biblioteca, ximnasio, vestiarios, zona de administración, instalacións e espazos complementarios; cunha superficie construída total de 3.442,35 m². O novo centro contará tamén con comedor, aula de música e de informática, 4 aulas de apoio educativo e servizos comúns.

Ademais de resolver a edificación principal e a pista polideportiva cuberta, o proxecto do CEIP proposto contempla prazas de aparcadoiro, espazos exteriores deportivos e educativos e zonas verdes.

21 de febreiro de 2019 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.