O DOG publica o decreto que activará o órgano coordinador da Rede Galega de Reservas da Biosfera
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar hoxe o decreto polo que se crea o Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, un órgano colexiado ao que lle corresponde o asesoramento e a coordinación para levar a xestión desta rede, creada en setembro do ano 2017, e cuxa presidencia recaerá sobre a titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
O obxectivo deste comité é harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural das diferentes reservas que existen na Comunidade, co fin de poñelas en valor como elementos que contribúen ao desenvolvemento sustentable e á mellora do benestar da poboación asentada nas mesmas.
Neste sentido, as Reservas da Biosfera son territorios que actúan unidos co obxectivo común de compatibilizar a protección da biodiversidade co desenvolvemento económico e social da zona a través do fomento dunha relación integral das persoas coa natureza. Para logralo, as funcións fundamentais que cumpre esta figura de protección son a conservación da biodiversidade do territorio protexido, o desenvolvemento das poboacións e asentamentos humanos locais, e o apoio loxístico á investigación, formación e comunicación dos valores da propia reserva.
A obtención do distintivo de Reserva da Biosfera, outorgado ao abeiro dun programa da Unesco para áreas terrestres, costeiras ou mariñas senlleiras, ofrece un amplo abano de oportunidades ambientais, culturais e socioeconómicas para as empresas, administracións públicas e entidades privadas asentadas nese territorio.
Dentro da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia inclúense todos os espazos que contan a día de hoxe con esta declaración por parte da Unesco e cuxo territorio se atopa, na súa totalidade ou en parte, dentro da Comunidade Autónoma. Así, cómpre lembrar que Galicia ten seis reservas da biosfera, que suman en total 777.834,3 hectáreas, e nestes momentos está en tramitación a candidatura da Ribeira Sacra, polo que en breve poderían ser sete.
Dous destes espazos, a reserva do Xerés-Geres e a do río Eo, Oscos e Terras do Burón, son coxestionadas pola Xunta con Portugal e co Principado de Asturias, respectivamente.
As outras catro reservas da biosfera da Comunidade son Terras do Miño (Lugo), a primeira declarada en Galicia e a sexta máis grande en extensión de España; Área de Allariz (Ourense), formada por unha ampla depresión morfotectónica por onde discorre o río Limia e rodeada dun reborde montañoso do que destaca o macizo granítico de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá (Lugo), unha reserva singular sobre todo desde un punto de vista bioxeográfico, dado que nela se atopa o límite entre o extremo suroccidental da rexión Eurosiberiana e a rexión Mediterránea; e As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (A Coruña), situada no noroeste da Comunidade Autónoma, entre as rías do Burgo e Betanzos, conformada polas cuncas dos ríos Mero e Mandeo.
Funcións do Comité
Entra as funcións que terá o Comité de coordinación está a emisión de informes e efectuar propostas neste eido de actuación, así como fomentar o traballo en rede, propoñendo proxectos que se poidan levar a cabo en todas as Reservas da Biosfera e a elaboración de accións de investigación, coñecemento, sensibilización e divulgación que contribúan a promover o coñecemento e a difusión dos valores da reservas.
Así, os obxectivos que se perseguen son a creación de novos vínculos entre as Reservas da Biosfera declaradas en Galicia e o reforzamento dos xa existentes, propiciando a colaboración entre todos os espazos integrantes da rede e fomentando a súa colaboración na realización de proxectos comúns, é dicir, actuar como foro de encontro interdisciplinar e establecer contactos con outras redes. Ademais, tamén coordinará a información e axudará na elaboración de proxectos europeos estatais ou rexionais de financiamento específico.
Tamén será da súa competencia informar con carácter previo as propostas de designación de novas reservas da biosfera, e propoñer a designación das mesmas ao titular da Consellería con competencias en materia de conservación da natureza.
Orde de axudas
Cómpre lembrar que co obxectivo de impulsar e potenciar o funcionamento das reservas e da súa rede, a Consellería de Medio Ambiente convocará unha orde pola que se establecerá unha liña de axudas para estudos e investimentos vinculados ao mantemento, a recuperación e a rehabilitación do patrimonio cultural e natural das poboacións, das paisaxes rurais e das zonas con alto valor natural, incluídos os seus aspectos socioeconómicos, así como as iniciativas de sensibilización ecolóxica dentro desta Rede de Reservas de la Biosfera de Galicia. A estas actuacións, que serán cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), destinaranse 600.000 euros.











