O Consello Forestal constata o alto grao de aplicación das recomendacións do ditame parlamentario de mellora do monte

O conselleiro de Medio Rural na reunión do Consello Forestal
O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu este mediodía a reunión do Consello Forestal de Galicia. Neste órgano consultivo e asesor fíxose un seguimento das recomendacións emanadas do ditame da comisión parlamentaria da reforma forestal. Así, constatouse o alto grao de aplicación acadado en eidos como a ordenación e a planificación forestal, así como noutros ámbitos que teñen que ver coa defensa, coa prevención e coa loita contra os incendios.
Así, o conselleiro trasladou que se informou ao consello dos cambios na estrutura da consellería ao crear dúas direccións xerais centradas, respectivamente, na Defensa do Monte e na Planificación e Ordenación Forestal. Este cambio cumpre, precisamente, cunha das recomendacións do ditame que responde a unha demanda histórica do sector.
Neste mesmo contexto, José González sinalou que tamén se deu conta da posta en marcha dun plan de pastos en extensivo que comezará no concello ourensán de Cualedro coa adecuación dunhas 300 hectáreas, para funcionar tamén como ferramenta de prevención dos lumes forestais.
Tamén, na liña das recomendacións do ditame, o titular de Medio Rural avanzou que se incrementaron ata nun 222% as partidas destinadas á elaboración dos Plans de Ordenación Forestal (PORF) dos diferentes distritos. Estes plans, tal e como explicou o conselleiro, teñen que desenvolverse no catálogo de terreos de alta produtividade agropecuaria e forestal, porque o monte se ten que desenvolver dentro dos límites que veñan marcados por esa planificación.
O titular de Medio Rural explicou, ademais, que se está a traballar na realización do inventario forestal de Galicia, que enriquecerá o Plan forestal na medida en que proporcionará información útil e actualizada sobre a situación actual do monte na nosa comunidade.
Outro eido no que tamén se está a actuar, consonte ao establecido pola devandita comisión parlamentaria, é o da simplificación normativa. Neste sentido, José González lembrou que proximamente está prevista a publicación do decreto de aproveitamentos forestais, que suporá un avance moi importante neste proceso.
Ademais, o conselleiro sinalou, así mesmo, que se avanzou no proceso de rescisión de consorcios e convenios dos montes produtivos para orientar a xestión pública daqueles nos que a produción veña moi condicionada por valores ambientais ou culturais de interese xeral, outra recomendación do ditame.
O valor multifuncional do monte tamén foi outro aspecto tratado no seo do Consello Forestal. Nesta materia, José González explicou que se está rematando, dentro dun marco de colaboración entre a Universidade de Vigo e a consellería, o desenvolvemento do concepto de bosque modelo e monte periurbano, tal como recolle outra recomendación do ditame. Así, o conselleiro trasladou que o obxectivo é atopar un sistema de xestión axeitado aos montes con alta demanda de uso sociorecreativo. Neste aspecto, José González puxo como exemplo a casuística da Mancomunidade de Montes de Vigo, na cal se investirán máis de 1,3 millóns de euros que permitirán actuar en 670 hectáreas afectadas na zona pola vaga de lumes de 2017, remarcou.
Nemátodo do piñeiro
Por outra banda, na xuntanza do Consello Forestal tamén se abordou a loita contra a expansión do nemátodo do piñeiro que se está a facer desde a Xunta. Neste contexto lembrou que o seu departamento estivo traballando sobre o terreo a través da identificación de árbores secas e decaídas, en mostraxes, na colocación de trampas de captura do insecto vector e na corta destas árbores. Nesta liña, José González reiterou que as cortas nos montes xestionados pola Xunta xa comezaron e hai constancia de que algún propietario particular tamén o fixo, malia que estes últimos teñen de prazo ata o 30 de abril próximo para facelo.
Por último, na xuntanza de traballo tamén se deu conta dos labores de control sanitario doutras pragas forestais, como son o chancro e a avespiña do castiñeiro, así como o gorgullo do eucalipto. No caso da avespiña, o conselleiro trasladou que se vai convocar proximamente a mesa da castaña, coa finalidade de coordinar as soltas deste ano de torymus, o parasitoide que se utiliza na loita biolóxica contra esta praga.











