O 061 de Galicia condena as sabotaxes contra as ambulancias da rede de transporte sanitario urxente no segundo día da segunda convocatoria de folga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 condena firmemente as sabotaxes e actos vandálicos realizados contra as ambulancias da rede de transporte sanitario urxente, no segundo día da segunda convocatoria de xornadas de folga, que comezou o pasado día 18 ás 00,00 horas e que está previsto se manteña ata ás 23,59 horas do próximo domingo, 24 de febreiro. A convocatoria de folga enmárcase no contexto da falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia.

Cómpre subliñar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como servizo encargado do transporte sanitario urxente extrahospitalario na Comunidade Autónoma, ten a consideración de servizo esencial para a poboación e, polo tanto, os servizos mínimos establecidos durante as convocatorias de folga son do 100 %.

Picadas nas rodas e pintadas

Desde as 12,00 horas do día 19 e ata ás 12,00 de hoxe, 20 de febreiro, rexistráronse picadas nas rodas de dúas ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (SVA), unha con base en Santiago e outra na Coruña, e en 27 ambulancias asistenciais de soporte vital básico (SVB) con base nos concellos de A Coruña (catro ambulancias); Vigo e Carballo (tres ambulancias); Noia, Ponteareas e Porriño (dúas ambulancias cada unha), Cambre, Sarria, Nigrán, Redondela, Oleiros, Quiroga, A Cañiza, Chantada, Cee, Vilalba e Lugo. Todos os vehículos substituíronse no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade. Ademais, nas ambulancias asistenciais de SVB con base en Chantada e Quiroga tamén se realizaron pintadas.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a traballar de xeito responsable e comprometido coa poboación para garantir a asistencia sanitaria urxente, de xeito que a convocatoria de xornadas de folga non prexudique a calidade da mesma e os cidadáns non se vexan privados do seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades. Por isto, insiste en facer novamente un chamamento ao comportamento responsable e consecuente, ademais de esixir respecto aos bens e as persoas.

20 de febreiro de 2019 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.