Medio Rural destina 2,16 millóns de euros a financiar o coidado de plantacións forestais subvencionadas nos últimos anos
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2019 das primas de mantemento das forestacións cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
Os beneficiarios destas primas serán unicamente os titulares de plantacións forestais subvencionadas pola Xunta antes do 31 de decembro de 2018 ao abeiro das ordes de axudas para a reforestación correspondentes aos anos 2016 e 2017 e que soliciten as achegas previstas nesta orde.
Estas primas teñen como finalidade contribuír ao coidado, mantemento e demais traballos forestais posteriores á plantación, financiando os labores cunha axuda anual nos primeiros anos de existencia dos cultivos realizados.
As accións previstas financiaranse cun importe total de 2,16 millóns de euros, a razón de 720.000 euros anuais en 2019, 2020 e 2021. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.











