publicidade hoxe

Medio Ambiente licitará en marzo as obras de humanización e ordenación da Praza das Américas de Noia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNoia
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que o departamento que dirixe licitará no vindeiro mes de marzo as obras de humanización e ordenación da Praza das Américas, no Concello de Noia.

Así llo trasladou ao rexedor municipal, Santiago Freire Abeijón, co que asinou o convenio de colaboración que permitirá a execución dos traballos necesarios para mellorar este punto da vila de Noia e que recolle un investimento de máis de 80.000 euros, dos cales a Xunta aportará un 70% (case 60.000 euros) e a parte restante o Concello.

Nese sentido, Ángeles Vázquez salientou que esta actuación é un “bo e claro” exemplo da necesidade de estreitar lazos e colaboracións entre as administracións, un dos obxectivos do Plan hUrbe -programa polo que se executa esta obra e posto en marcha polo Goberno galego en 2010- que tamén ten entre as súas finalidades fomentar a humanización das vilas de Galicia e promover o reequilibrio territorial na comunidade.

Así, esta colaboración contribuirá a mellorar a calidade de vida dos veciños e da xente que se achegue ata Noia, pois contarán cunha Praza das Américas e a súa contorna reorganizada dun xeito máis funcional, o movemento dos vehículos e dos peóns mellor ordenado e racionalizarase o espazo destinado a aparcadoiro.

Salientou que se trata dunha zona moi concorrida, pola súa proximidade ao Centro de Saúde, pola importante ocupación residencial e tamén por ser unha zona relevante para o comercio noiés, con negocios, locais, comercio e distintos servizos. Deste xeito, ao termo das obras, os usuarios desta zona contarán con beirrarúas máis amplas, pavimentos adaptados ás persoas con discapacidades sensoriais, zonas axardinadas.

Por último, destacou que este tipo de actuacións dan cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades galegas; en definitiva, pola preservación da identidade de Galicia.

11 de febreiro de 2019 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.