Máis de 13.500 persoas participarán nas novas oposicións para cubrir 121 postos de traballo na Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Un total de 13.504 persoas foron admitidas para participar nas novas oposicións de acceso libre convocadas pola Xunta de Galicia para cubrir 121 postos de traballo da Administración Autonómica. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as resolucións polas que se dan a coñecer as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas en tres procesos selectivos.

En marzo de 2018, a Xunta de Galicia convocou -na maior convocatoria simultánea de oposicións dos últimos anos- un total de 121 prazas de acceso libre para os subgrupos A1, A2 e C2 da Administración Xeral da comunidade Autónoma de Galicia. A estes procesos pode presentarse calquera persoa que queira entrar a traballar na Xunta e cumpra os requisitos establecidos en cada convocatoria, e dispoña da titulación esixida.

O maior número de persoas admitidas concéntrase na oposición para o corpo auxiliar da Administración C2 para o que a Xunta convocou 53 prazas, con 10.317 aspirantes admitidos. No corpo de xestión A2 convocáronse 30 prazas e admitíronse 2.010 persoas; e finalmente para o corpo superior A1 foron convocadas 38 prazas con 1.177 admitidos.

As relacións definitivas de persoas admitidas e excluídas, poderanse consultar do DOG e no portal corporativo. No caso da listaxe de persoas excluídas, con indicación a causa determinante da súa exclusión, figurará como anexo das resolucións que se publicarán no DOG.

Novas convocatorias de oposicións

A Xunta de Galicia realizará de xeito inminente a convocatoria de 15 novas oposicións sen precedentes nas últimas décadas para cubrir un total de 847 prazas de emprego público na Administración galega.

A totalidade destes procesos selectivos serán de acceso libre -coa reserva obrigatoria de prazas para a promoción interna que establece a lei-, polo que se poderá presentar calquera persoa que cumpra os requisitos, e o sistema de cobertura será o de concurso-oposición.

20 de febreiro de 2019 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.