publicidade hoxe

Feijóo: “o Goberno galego seguirá apostando pola estabilidade institucional que fai de Galicia unha das economías máis abertas de España”

O presidente galego na clausura do encontro

O presidente galego na clausura do encontro

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe, durante a clausura do V Encontro para directivos líderes de Galicia: 100 Consellos para o 2019, que o Goberno galego seguirá apostando pola estabilidade institucional que fai de Galicia unha das economías máis abertas de España.

Ao respecto, subliñou que se hai escasos días se pechaban as contas públicas do exercicio 2018 e, por primeira vez os orzamentos xerais da Xunta pechan en superávit -125 millóns de euros- algo que non ocorría desde 2002, débese a unha xestión con control, cumprindo o déficit e as regras de gasto todos os anos; e a unha xestión con prevención, ata o punto de que Galicia é a comunidade que menos incrementou a débeda na última década, pasando de ser a 4ª comunidade de España con maior endebedamento á 4ª que menos.

“Ser responsables no control das contas públicas non é incompatible nin co cumprimento das obrigas, nin co investimento, nin coa redución da presión fiscal, nin co crecemento da economía”, abundou, sinalando que Galicia cumpre coas súas obrigas.

“Somos a comunidade que antes paga os seus provedores, cunha media de pouco máis de 13 días. Estamos entre as tres primeiras comunidades líderes en esforzo investidor. Baixamos impostos e, de feito, a maior rebaixa fiscal da nosa historia fíxose nos últimos anos –especialmente, pola eliminación de Sucesións para o 99 % dos galegos, polo programa de impostos cero no rural e pola baixada de IRPF para as rendas máis baixas-. E en Galicia ademais crecemos de xeito sustentable e progresivo”, precisou.

Sobre este último punto, recordou que a comunidade galega leva catro anos consecutivos de crecemento na contorna do 3%; o emprego evoluciona de xeito progresivo; o PIB per cápita medrou un 10% desde 2009, e Galicia está no seu record histórico de riqueza con 64.000 millóns en 2018; acadouse un nivel histórico de converxencia co resto de España; “as empresas galegas acumulan récords históricos en materia de exportación e rexistramos o maior crecemento da produción industrial da última década, segundo o dato de 2018”, engadiu, incidindo en que todos estes datos son trazos que definen un cambio tranquilo que está experimentado a economía galega na última década, se ben sinalou que, a Galicia do século XXI non soamente ten un clima axeitado, senón tamén medidas concretas que “intentamos que acompañen” ás empresas.

Nesta liña, referiuse á Lei de implantación empresarial, que simplifica os trámites administrativos e contempla bonificacións fiscais de ata o 95 % de certos impostos locais, a través da figura de concello emprendedor á que xa se teñen incorporado 119 municipios galegos; á Axenda Industria 4.0, que xa supuxo un investimento de 350 millóns de euros; e ás bonificacións do prezo do solo industrial. Ademais de destacar o acompañamento á innovación e a dixitalización mediante o Plan Innova 2020 que mobilizará 1.775 millóns de euros.

“Intentamos tamén apoiar ás empresas que están exportando, con programas de internacionalización. Contamos con aceleradoras que acompañan a emprendedores con proxectos atractivos e acompañamos o despregamento de talento e a formación con Unidades Formativas axeitadas ás empresas”, asegurou, recordando que máis de 30 multinacionais teñen elixido xa Galicia como destino para desenvolver os seus proxectos de innovación a través das Unidades Mixtas.

Deste xeito, o titular do Executivo galego incidiu no necesario equilibrio entre política e economía como fundamento da estabilidade. Non en van, aseverou, tanto a crise económica que padecemos con crueza hai poucos anos, como as crises políticas nas que estamos inmersos, están causadas por un desequilibrio na relación entre o compoñente económico e o político.

Ao longo da súa intervención, Feijóo afirmou non crer nos gobernos hipermetropes que se ofuscan en grandes políticas esquecendo o cotián, pero tampouco nos gobernos miopes incapaces de prever, de programar, de anticipar e de planificar. E asegurou que o Goberno galego continuará traballando e impulsando políticas para seguir facendo de Galicia un lugar grato para investir. “Na evolución dunha sociedade interveñen múltiples factores”, dixo, concluíndo que a misión dun goberno é saber concilialos, darlles unha orientación e permitir que os valores que esa sociedade ten, medren e se multipliquen.

20 de febreiro de 2019 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.