publicidade hoxe

Feijóo destaca que o 96% da Axenda Social Única xa é unha realidade

O presidente galego na inauguración da mostra

O presidente galego na inauguración da mostra

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o 96% da Axenda Social Única xa é unha realidade e convidou ás entidades de inclusión social –a través de EAPN- a, neste 2019, revisala para actualizala e dar conta das melloras levadas a cabo.

Durante a inauguración da exposición da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galicia) dentro do ciclo Olladas inclusivas, Feijóo referiuse entre esas melloras, especialmente, ao decreto que desenvolve a Lei de inclusión social, que permite solicitar a Risga a persoas que non estean no desemprego, ademais de introducir dous novos tramos –o de inserción e o de transición ao emprego- para incentivar ás persoas que se están formando ou facendo prácticas de cara á conseguir un traballo, ou que xa o conseguiron e están cobrando as súas primeiras nóminas.

Ademais, este texto introduce outras novidades importantes como: o incremento do complemento de alugueiro para as familias con fillos; a posibilidade de que dúas persoas que perciban a Risga compartan piso; ou a compatibilidade con todas as axudas de inclusión social e co Bono de alugueiro social.

Logo de precisar que como resultado de todas estas melloras, o importe medio desta renda social incrementarase de 450 euros a 550 euros, Feijóo fixo fincapé en que este novo decreto volve demostrar o compromiso inequívoco da Xunta neste eido, como proba ademais que nos últimos dez anos se incrementase nun 67% o orzamento destinado á loita contra a pobreza; que se triplicase o importe que se destina a financiar a Risga; e que as oficinas Reconduce, abertas en 2013, atendesen xa máis de 1200 casos de desafiuzamentos.

O titular da Xunta aseverou que o Goberno galego seguirá a traballar en colaboración coas entidades sociais e cos concellos para que a incidencia da pobreza siga retrocedendo. Non en van, o número de familias moi necesitadas reduciuse no último ano nun 40%, ao pasar dun 4,1% a un 2,4%; a taxa Arope de risco de pobreza está catro puntos por debaixo da media nacional; e o ingreso medio dos fogares galegos está nas súas cotas máximas desde que existen datos.

Feijóo concluíu destacando o labor de EAPN e agradeceu que comparta no edificio administrativo de San Caetano a súa visión, como primeira mostra dunha exposición rotatoria, bautizada como Olladas inclusivas, e pola que pasarán outras oito entidades, para compartir os seus respectivos enfoques sobre o reto da inclusión social. “Grazas pola vosa colaboración, por seguir trasladando de forma directa os problemas das persoas e por seguir traballando pola inclusión social”, abundou.

“As frases inscritas nestes paneis incentivan o debate, invitan á reflexión e axudan a abrir novas perspectivas”, aseverou, incidindo en que non hai mellor xeito de loitar contra a exclusión que recoñecer ás súas vítimas como suxeitos das políticas neste eido.

20 de febreiro de 2019 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.