publicidade hoxe

Ethel Vázquez avanza a licitación este ano da primeira fase da mellora da estrada entre Friol, Palas de Rei e Begonte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBegonteFriolLocal PortadaLugoPalas de ReiPortada esquerda
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, avanzou hoxe a licitación este ano da primeira fase da mellora da estrada entre Friol, Palas de Rei e Begonte, cun investimento de 2,8 millóns de euros.

Vázquez Mourelle trasladoulle aos alcaldes destes concellos que o Diario Oficial de Galicia recolle hoxe o inicio da información pública do proxecto de mellora do primeiro treito, que vai dende Friol a Castrelo, en Palas de Rei, sumando 9 km. Con este trámite se dá comezo ao proceso expropiatorio de máis de 200 parcelas para o arranxo da vía.

Concretou que as persoas interesadas en facer achegas a este trazado teñen a documentación á súa disposición na web da consellería e poden trasladar as súas observacións ata o 3 de abril. Engadiu que tras a revisión das alegacións se acometerá o trámite expropiatorio para contratar as obras e executalas nun prazo de 12 meses.

Esta intervención contempla, entre outros aspectos, anchear os carrís, incorporar beiravías e rectificar 12 curvas para mellorar o trazado.

Ethel Vázquez precisou que en marzo se disporá do proxecto para o segundo treito, que vai dende Castrelo á Baiuca, en Palas de Rei, co fin de avanzar nos seguintes trámites. Así, completarase o arranxo do tramo autonómico deste importante eixe de comunicación, que suma uns 18 km e un investimento de máis de 6 millóns de euros, incluídas as expropiacións.

A Xunta, co remate do Corredor Nadela – Sarria – Monforte, xa impulsou unha transformación nas comunicacións norte – sur da provincia, que aínda ten camiño por diante, posto que se vai converter en autovía, para o que xa está superando o seu trámite ambiental para licitar tamén neste mesmo ano.

A conselleira engadiu que de xeito complementario o Executivo autonómico avanza cara a mellora desta outra conexión norte sur que permitirá conectar os concellos de Palas de Rei, Friol e Begonte entre si e coa A-54 e a A-6 en condicións de seguridade e comodidade.

Fixo fincapé en que é unha verdadeira aposta do Goberno galego pola seguridade viaria e pola provincia de Lugo, o que redundará na mellora da calidade de vida dos cidadáns e no incremento da competitividade económica.

19 de febreiro de 2019 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.