publicidade hoxe

Comezan os cursos no Centro de Formación Ocupacional de Viveiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaViveiro
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria da comezo estes días á programación de cursos propios no Centro de Formación Ocupacional de Viveiro, que ofrecerán 120 prazas para traballadores desempregados e dan dereito á obtención dun certificado de profesionalidade.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, sinalou que ao longo das vindeiras semanas poranse en marcha en total oito actividades formativas, que supoñen un investimento de 203.000 euros; os cursos teñen unha duración media de cinco meses.

Balseiro subliñou que este centro da Xunta dispón “dos medios materiais e didácticos necesarios para impartir axeitadamente os coñecementos teóricos e prácticos que se requiren para acadar unha formación profesional de calidade”.

A semana pasada arrancou o curso de Montaxe e mantemento de sistemas domóticos e inmóticos, e esta semana o de Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos. O día 27 porase en marcha o de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

No mes de marzo comezarán a impartirse as especialidades de Mecanizado por arranque de labra, e Xestión contable e xestión administrativa para auditoría, e xa entre xuño e xullo as de Montaxe e mantemento de instalacións caloríficas, Confección e publicación de páxinas web e Operacións auxiliares de fabricación mecánica.

As persoas que estean interesadas nestas actividades poden coñecer as datas concretas de inicio e outra información de interese no propio centro de formación, situado na rúa Misericordia (número 30).

O centro está dotado de aulas para a aprendizaxe teórica e práctica de fontanaría e electricidade, mecánica industrial, informática e deseño e topografía, así como talleres para electrónica, calefacción e gas, entre outros.

21 de febreiro de 2019 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.