publicidade hoxe

Chamadoira do Casal presenta en Vigo o libro “O asubío do tempo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaPortada dereitaVigo
A-
A+

CARTAZ asubio vigoA Biblioteca da Escola de Artes e Oficios, en Vigo (Avda. García Barbón, nº5), acolle este xoves 28 de febreiro, ás 19.30 h, a presentación do libro “O asubío do tempo”, da autoría de Loliña Chamadoira “Chamadoira do Casal” e publicado por Edicións Fervenza.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, a autora estará acompañada do escritor e filósofo Manuel Cabada Castro, do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; e do ilustrador do libro, Marcos Moral Campos.

 Ademais, contarase coa actuación do gaiteiro Anxo Martínez.

Colaboracións

A publicación deste obra contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

A obra 

“O asubío do tempo”, coma o seu título nos di, é un conxunto de relatos da nenez da autora no seu pobo, Cangas do Morrazo, visto dende a retrospectiva dos anos macios. Vivencias, mar, agro; paroladas dos devanceiros e os seus faceres, mestúranse nun conxunto válido para todos os que algunha vez foron nenos. 

Hai un movemento cíclico na historia da humanidade, mais as pegadas dos primeiros anos da nosa vida quedan esculcadas na alma configurando transcendentalmente, o que hoxe somos. Por iso, este libro ten interese para todas as idades, pois debuxa unha paisaxe común na que os lectores sentiranse protagonistas e identificados coa autora en moitas ocasións. Para os mozos de hoxe será un referente da vida de hai moitos anos, alicerce ancorado na nosa cultura galega e parte da súa historia. 

A autora

Mª Dolores González-Chamadoira Pérez, de nai viguesa e pai de Cangas, naceu en Vigo no ano 1947, casa dos avós maternos, sendo bautismada na parroquia de Santiago de Vigo. Ós poucos día de nacer levárona a Cangas onde vivían os seus pais dende que casaran. Pasou a infancia alí, indo a Vigo á casa da familia e apois, a facer o bacherelato superior e preuniversitario na Institución Teresiana. Casou con Franco Cobas e ficou en Vigo, con longas estadías na outra banda do mar.

Dende moi nova comezou a interesarse polo mundo da literatura e a escritura. Escribiu para ela en castelán e, en galego, a partires dos dezaseis anos, sendo os seus guieiros, Rosalía de Castro, Castelao, Franco Grande e Calvallo Calero. No vapor Cangas–Vigo, topa en José María Castroviejo, o seu diccionario de lingua culta e literaria. No ano 1966 animárona para que presentara os seus poemas en galego ó certame Literarios (Santiago de Compostela). Con todo ben mecanografado, por duplicado, nun sobre grande e ben cheo, diante do buzón de correos, tivo medo a que a súa obra non tivera calidade e non o mandou. 

Ten publicado O fume do loureiro (Deputación de Pontevedra, 2005) poesía en galego; O vento do Noroés (Deputación de Pontevedra, 2010) poesía en galego e castelán con ilustracións de Raúl Velloso e Un globo de novelos (Edicións Fervenza, 2016) poesía infantil, tamén ilustrado por Raúl Velloso.

Prestou colaboración en distintas revistas como “ANFACO” (Asociación de Fabricantes de Conservas) e “Mar de Noia”. Tamén na Homenaxe dos poetas galegos a Federico García Lorca contra a súa morte, coordinado por Xesús Alonso Montero (Xerais, 2006); Pontevedra literaria (Concello de Pontevedra, 2010), recopilatorio da literatura galega dende o Rexurdimento ata os nosos días. Inclúese co poema de Alexandre Bóveda (O fume do loureiro). Ten outro poema no libro O Padre Seixas desde dentro, (2013), de Manuel Cabada Castro; un máis en Pregoeiro da Irmandade, (2015) e no libro de Homaxe a Manuel María, leva a creación: “O sapo”, feito por encargo de Alonso Montero.

Dende 2018 forma parte da enciclopedia Galicia Dixital.

O ilustrador

Marcos Moral Campos (Vilagarcía de Arousa, 1960). Estuda o Bacharelato no internado do colexio La Salle en Santiago de Compostela. Prosigue a súa formación coma Técnico en Mecánica e tamén Técnico na Xestión Administrativa. 

Da man do seu pai, Ramón Moral escomenza a súa andaina profesional, primeiro no concesionario da Renault, en Vilagacía e apois, no concesionario da Hyundai-Toyota, na mesma vila. Foi Director Xerente da empresa Ramón Moral Motors. Tamén, Axente da Corredoría de Seguros. 

Compaxina a vida laboral e familiar, coa afición pola pesca e o debuxo a plumín con tinta. Totalmente autodidacta, somentes pinta para si mesmo ou para agasallar a algún benquerido amigo. 

Cede a súa obra para a publicación da XIII edición da revista “O CABESO”, da Asociación Amigos da Dorna de Portonovo. 

De xeito altruísta puxo o seu arte para ilustrar este libro, pois está vencellado nunha vella amizade familiar coa autora.

26 de febreiro de 2019 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.