Axudas a 12 asociacións profesionais e empresariais para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, cun investimento de 400.000 euros
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de publica hoxe a resolución coa listaxe das 12 asociacións profesionais e empresarial ás que se concederon axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, que se corresponden coa convocatoria do ano 2019.
No seguinte enlace ao DOG pode consultarse as subvencións concedidas a cada unha desta entidades: https://bit.ly/2TW1X1p
A consellería distribúe estas axudas entre aqueles plans formativos que acadaron as maiores puntuacións nos diversos criterios que establece a orde reguladora, entre os que se encontran a representatividade da asociación, a adecuación dos cursos ao ámbito do transporte, o seu menor custo ou a promoción do idioma galego.
Cómpre lembrar que estas axudas van dirixidas ás entidades que se integran no Comité Galego de Transportes (asociacións ou federacións de transportistas), co obxecto de que elaboren e leven a cabo un plan formativo que haberá de versar sobre as materias de maior interese para o sector.
O departamento de Mobilidade da Xunta persegue con estas axudas que as entidades beneficiarias podan mellorar as capacidades dos seus asociados en eidos tan transcendentais como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial. Tamén se inclúe a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional desde a entrada en vigor do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.
No ano 2018 realizáronse 174 cursos ao abeiro destas axudas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, das que se beneficiaron un total de 2.619 alumnos, cifras que se esperan repetir ou incluso mellorar coa nova convocatoria.











