publicidade hoxe

A Xunta remite ao Ministerio de Fomento e ao Concello de Lugo unha proposta de acordo marco para impulsar a estación intermodal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugoPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia remitiu hoxe ao Ministerio de Fomento e ao Concello de Lugo unha nova proposta de acordo marco que recolle compromisos concretos de todas as partes para impulsar a estación intermodal da cidade.

A proposta trasladada polo Goberno galego segue o modelo dos convenios marco asinados co Ministerio de Fomento e os Concellos de Santiago e Ourense e que fixeron posible que as estacións intermodais de ambas as dúas cidades estean actualmente en plena execución.

Trátase dunha versión actualizada da proposta de convenio remitida en marzo de 2018 a ambas as dúas administracións, que foi contestada pouco despois, con observacións, por parte do Ministerio de Fomento pero nunca polo Concello de Lugo, a pesar dos sucesivos requirimentos da Xunta.

Co documento enviado esta mañá, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade responde ao borrador de protocolo formulado polo Ministerio de Fomento en días pasados. No escrito que acompaña a súa proposta, a Xunta advirte de que cómpre “un maior nivel de concreción nas responsabilidades e compromisos de cada Administración” que o que formula o Ministerio.

A postura da Xunta baséase en que existe xa un traballo realizado para o desenvolvemento da estación intermodal de Lugo que permite fixar nun convenio metas máis ambiciosas que a mera vontade de “estudar conxuntamente” o impulso da infraestrutura que resume a proposta do Ministerio de Fomento.

Hai que lembrar que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade contratou e realizou uns estudos de necesidades e alternativas para o desenvolvemento da nova estación de autobuses integrada na estación de ferrocarril. O resultado dese traballo, presentado hai un ano na cidade de Lugo, foi posto á disposición de Adif, que o empregou na elaboración do anteproxecto do conxunto intermodal, un deseño que ten xa moi ultimado.

A Xunta e o Ministerio de Fomento mantiveron o ano pasado diversas reunións sobre a estación intermodal de Lugo nas que tamén participou o Concello e nas que se avanzou na coordinación dos traballos.

Tendo en conta o traballo xa feito, a Consellería de Infraestruturas insiste na necesidade de dar un paso máis no compromiso das Administracións para o impulso conxunto da estación intermodal. A Xunta comprométese a tramitar e axilizar o convenio coa máxima axilidade en canto o Concello de Lugo e o Ministerio de Fomento lle dean a súa conformidade.

20 de febreiro de 2019 | 16:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.