publicidade hoxe

A Xunta porá á disposición do sector do viño un programa de xestión de contabilidade para facilitar a simplificación e a coordinación administrativa

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta porá á disposición do sector do viño un programa de xestión de contabilidade vitivinícola, unha aplicación que permitirá ás empresas do sector xestionar a contabilidade que se eleva nos libros-rexistro das adegas, facilitando a simplificación e a coordinación administrativa.

Así mesmo, lembrou que a Administración autonómica está a traballar tamén na creación dunha base de datos de provedores de uva que facilite a confección do contrato de compra-venda cos viticultores, así como na elaboración dun plan estratéxico e de dinamización territorial das 5 denominacións de orixe para mellorar tanto o posicionamento dos viños galegos como das comarcas que representan.

Durante o acto de inauguración do Museo da Ciencia do Viño en Salvaterra de Miño, Feijóo destacou a importancia deste proxecto para dar a coñecer o potencial vitivinícola da comarca: un territorio que conta con máis de 1.000 hectáreas de superficie cultivada e máis de 1.500 viticultores; e que, desde hai 60 anos, celebra a súa tradicional Festa do Viño, unha das máis antigas de España. “Para coñecer a enoloxía tradicional ata as ferramentas máis modernas que constitúen o futuro da industria”, dixo.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta aseverou que este museo non é produto dunha acción illada, senón que se une a moitas outras como a próxima apertura do Museo do Viño de Ribadavia e baixo o obxectivo de que a enogastronomía sexa unha razón para visitar Galicia que cobre cada vez máis protagonismo.

Ao respecto, subliñou que neste xeodestino Vigo-Baixo Miño sigue crecendo por quinto ano consecutivo a demanda hoteleira, con 1,3 millóns de noites en 2018. E salientou que o Goberno galego acaba de aprobar a Estratexia Galicia Sabe, un plan de turismo enolóxico e gastronómico que será unha guía para recoñecer, protexer e difundir a cultura enogastronómica.

Feijóo concluíu recordando as cifras que poñen de manifesto a importancia do sector do viño para a Comunidade. Non en van, trátase do sector agroindustrial máis exportador –o 20% da produción total-, e máis do 80% do viño que exporta Galicia leva a etiqueta das Rías Baixas; e representa máis do 4% da facturación da industria agroalimentaria galega, con 15.209 viticultores e 485 bodegas.

Nesta liña, resaltou que a Xunta destinará neste 2019 para o apoio á elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas unha achega de 4,25 millóns de euros, un 13% máis que o pasado ano.

25 de febreiro de 2019 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.