publicidade hoxe

A Xunta pon en valor a importancia da Feira Abanca Cimag-GandAgro como centro de negocio e punto de encontro profesional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaSilleda
A-
A+
Alfonso Rueda na inauguración da feira Cimag GandAgro

Alfonso Rueda na inauguración da feira Cimag GandAgro

A Feira Abanca Cimag-GandAgro abriu hoxe as súas portas no recinto feiral internacional de Silleda. O evento, que se prolongará ata o sábado, é a principal feira profesional agropecuaria de Galicia e tense constituído como un importante centro de negocio e punto de encontro dos profesionais do sector.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Medio Rural, José González; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acudiron hoxe á súa inauguración.

Nesta edición, a feira continúa medrando. En concreto, contará con máis espazo que na celebrada en 2017, ata chegar a superar os máis de 12.700 metros cadrados, un 25% máis que na anterior convocatoria. Ademais, tamén aumenta o número de expositores directos, que pasa dos 166 aos 188.

O éxito das anteriores edicións e o recoñecemento acadado polo evento tamén repercute nunha maior influencia no exterior este ano. Deste xeito, haberá máis expositores doutras comunidades autónomas -un total de 55, fronte aos 41 de 2017- e máis firmas representadas, ata chegar a un total de 544 de 32 países distintos. Todo isto combinarase con xornadas técnicas dirixidas aos profesionais e distintos concursos.

O obxectivo é seguir consolidando á Feira Abanca Cimag-GandAgro como o mellor escaparate das últimas novidades e adiantos tecnolóxicos dun sector que ten unha especial relevancia en Galicia.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, aproveitou o acto para insistir na mensaxe de que o agro galego “é progreso, é futuro e é emprendemento”, polo que puxo esta última afirmación en relación coa xornada informativa e formativa para agricultores mozos que tivo lugar tamén dentro do propio certame de Gandagro. Esta actividade, explicou, foi dirixida aos 382 mozos incorporados agora, aos que se destinaron axudas por importe de 13 millóns de euros.

Ademais, o conselleiro destacou a importancia territorial, económica e social do mundo rural en Galicia, un eido do que –dixo– hai que estar orgullosos e traballar para sacalo adiante. Neste contexto, sinalou que a única forma de seguir poñendo en valor o rural é apostar polas novas xeracións de agricultores e gandeiros. Por iso, advertiu, a Xunta apoia os modelos de negocios do rural, tanto os que aproveitan os recursos propios (agrogandeiro e forestal) como os que desenvolven novas formas de xerar riqueza e emprego.

Neste contexto, José González deu conta dalgunhas das principais liñas de axudas da Consellería do Medio Rural para o agro, destacando as destinadas a impulsar explotacións asociativas, mediante o uso de instalacións e equipamentos en común e a adquisición de maquinaria en réxime asociativo. Referiuse tamén ao financiamento dos seguros agrarios con cinco millóns de euros anuais e ás achegas para desenvolver pequenas explotacións agrícolas, dotadas con máis de 14 millóns de euros para o período de aplicación do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

Por último, o conselleiro insistiu na idea de que o futuro do rural galego pasa de forma inevitable pola procura da calidade, polo que cómpre buscar a excelencia nos nosos produtos para destacar nun mercado cada vez máis competitivo, nun mundo máis globalizado. Por iso, remarcou, “temos que seguir potenciando o noso”, o que significa potenciar “as nosas materias primas e os nosos gandeiros” porque –concluíu– elas e eles “son o presente, pero tamén o futuro do noso rural”.

21 de febreiro de 2019 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.