A Xunta destina 145.000 euros á mellora dos arquivos de Galicia co obxectivo de garantir a custodia e o acceso á documentación
A Consellería de Cultura e Turismo acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de subvencións destinadas á mellora dos arquivos de Galicia, garantindo unha custodia responsable e o acceso dos cidadáns. A finalidade desta axuda é a realización de actividades que teñan por obxecto a descrición de fondos documentais dos arquivos galegos segundo a metodoloxía arquivística.
Esta orde de axudas, impulsada pola Dirección Xeral de Políticas Culturais, está dotada cun total de 145.000 euros e poderán optar a elas os entes locais, as universidades e as entidades privadas sen fin de lucro galegas que custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia.
As institucións que desexen acollerse a estas axudas dispoñen dun mes, contando a partir do día seguinte á súa publicación da orde no DOG, para presentar as súas solicitudes a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A axuda máxima por beneficiario será de 6.000 euros por proxecto. Este importe non poderá en ningún caso exceder do 80 % do orzamento total. No caso de que se trate de solicitudes presentadas por máis dunha entidade local conxuntamente, a contía poderá ascender ata os 8.000 euros.
A comisión encargada de valorar as solicitudes terá en conta criterios como o nivel de autofinanciamento ou a viabilidade do proxecto. No caso das axudas solicitadas polas entidades locais valorarase o número de habitantes do concello, recibindo ata catro puntos os municipios de menos de 2000 habitantes e un os que teñan entre 10.000 e 50.000. Outro dos parámetros que se terá en conta será a antigüidade e interese dos fondos: tres puntos para os arquivos que alberguen documentación anterior ao século XIX, dous puntos para os datados entre os anos 1900 e 1985 e un punto para os que se encontran entre os anos 1985 e 2013.
As bases da convocatoria poden consultarse no Diario Oficial de Galicia.
O ano pasado beneficiáronse destas axudas catorce concellos, dos cales doce obtiveron a máxima contía, e seis entidades sen ánimo de lucro.











