A Xunta convoca os exames ordinarios para o manexo das embarcacións de lecer e motos náuticas para 2019

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as datas para a realización dos exames ordinarios teóricos e prácticos para obter os títulos que permiten manexar embarcacións de lecer e motos náuticas en Galicia. As titulacións para as que se convocan os exames son patrón para a navegación básica, patrón de embarcación de lecer, patrón de iate, capitán de iate e patrón de motos náuticas A e B. Para optar a elas realizaranse exames teóricos e prácticos nos centros oficiais de ensino pesqueiro da Consellería do Mar.

No caso de patrón para a navegación básica, os exames teóricos realizaranse o 20 de maio e o 9 de setembro; as probas teóricas de patrón de embarcación de lecer serán o 21 de maio e o 10 de setembro; e as de patrón de iate realizarase os días 22 de maio e 11 de setembro. Os exames prácticos destas tres titulacións realizaranse o 24 de maio e o 13 de setembro e todas estas probas terán lugar no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e nas Escolas Oficiais Náutico-Pesqueiras de Ferrol e Ribeira.

En relación aos exames de capitán de iate, o teórico realizarase o 23 de maio e o 12 de setembro, e o práctico terá lugar o 24 de maio e o 13 de setembro. Os exames teórico e práctico de patrón de moto náutica A e B serán o 24 de maio, nunha única convocatoria. Estas probas de capitán de iate e de patrón de moto náutica A e B realizaranse no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

As persoas interesadas en presentarse aos exames teóricos e prácticos deberán solicitar a súa admisión mediante unha solicitude dirixida ao centro oficial de ensino pesqueiro onde realizará o exame. O modelo de solicitude figura como anexo I da resolución que publica hoxe o DOG. Ademais na resolución poderán consultar os requisitos necesarios e a documentación complementaria que debe presentar coa solicitude. Para a convocatoria de maio poderán inscribirse do 1 de abril ao 15 de abril, ambos incluídos, e para a de setembro o período de matrícula é do 22 de xullo ao 5 de agosto, ambos incluídos.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes aos exames, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro nomeará os tribunais para a realización das probas, e indicará as horas dos exames no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar.

20 de febreiro de 2019 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.