publicidade hoxe

A Xunta consolidará en próximas actuacións os restos da escaleira, o torreón e o alxibe atopados recentemente no Castro de Viladonga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Cultura e Turismo consolidará nas próximas actuacións o restos da escaleira, o torreón e o alxibe que foron descubertos recentemente no Castro de Viladonga, no municipio de Castro de Rei.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o xacemento e sinalou “os valiosos achados que deixou a última campaña de escavacións”, na que se investiron preto de 200.000 euros. Apuntou que a aparición destes elementos “obrigou a escavar máis alá do que estaba inicialmente previsto no proxecto e condicionará tamén as intervencións dos vindeiros meses”.

Os traballos executados afectaron a unha superficie de 1.250 metros cadrados situados no sector nordeste do Castro, dos cales 100 foron de nova escavación e o resto actuacións sobre estruturas arqueolóxicas que foron exhumadas nos anos 70 e 80 do século XX para garantir a súa conservación.

O resultado é un percorrido máis accesible e completo, de forma que os visitantes poden ter unha mellor e máis segura experiencia na visita do castro. Así, a consellería acondicionou o paseo superior da muralla do castro, incluíndo a colocación de chanzos de madeira ben integrados na pendente existente e dunha varanda acorde co entorno.

Igualmente, as obras serviron para poñer en valor o corte existente no sistema defensivo do castro, de forma que se permita a visualización dos diferentes compoñentes estruturais da muralla e do foso. Ademais, executáronse as ramplas necesarias para mellorar a accesibilidade das zonas de actuación dentro do itinerario de visita do castro, e instaláronse nalgúns puntos varandas de madeira para maior seguridade.

Estas intervencións súmanse ás levadas a cabo entre os anos 2016 e 2017, nas que se investiron outros 200.000 euros, para corrixir as deficiencias detectadas no estudo de diagnose elaborado en 2015, que esixían dun proxecto de conservación preventiva.

A Consellería desenvolve campañas periódicas de escavación e consolidación para atender ás necesidades do xacemento, que xunto co Museo constitúe “un referente da cultura castrexa no noroeste peninsular”, sinalou Balseiro.

19 de febreiro de 2019 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.